Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Enerxía
Enerxía
A producción, transformación e consumo de enerxía é a causa principal de deterioración ambiental. Galiza está pagando desde hai varias décadas unha elevada factura ambiental e social polo feito de ser un país productor e exportador de enerxías de alto impacto ambiental. Está factura vese aínda máis incrementada por utilizarmos a enerxía de forma ben pouco eficiente.

As centrais térmicas de As Pontes (ENDESA), Meirama e Sabón (as dúas propiedade de Unión FENOSA) contribúen ao cambio climático e emiten gases causantes de acidificación. Os encoros hidroeléctricos asulagaron ecosistemas de grande interese e alteraron radicalmente a dinámica de moitos ríos, especialmente na bacía Miño-Sil. As minicentrais hidroeléctricas ameazan moitos dos tramos fluviais máis valiosos que conservamos. A construcción desmesurada e irracional de parques eólicos está provocando a perda de naturalidade de numerosos espazos naturais de interese, no interior e na costa. O sistema de transporte, que consome o 43% do total da enerxía final, ao se fundamentar no automóbil privado, é responsábel de enormes custos ambientais, sociais e económicos.

A producción eléctrica galega contribuiu ao desenvolvemento doutras zonas do Estado español e ao crecemento das principais empresas enerxéticas españolas. Mentres Galiza exporta directamente a terceira parte da electricidade que produce, amplas zonas do país aínda non teñen unha subministración eléctrica de calidade.

O escenario enerxético previsto polo Libro Branco da Enerxía da Consellería de Industria para a primeira década do século XXI non é desexábel. O aumento do consumo enerxético estimado é dun 2% anual até o ano 2010. A producción das centrais térmicas de carbón de As Pontes e de Meirama manteríase, así como a dos grandes encoros hidroeléctricos. Crearíanse novas centrais térmicas de ciclo combinado de gas natural nas Pontes e en Sabón. Os parques eólicos e as minicentrais seguirían a afectar negativamente a moitos espazos naturais. O consumo enerxético do transporte aumentaría aínda máis e, por conseguinte, o seu impacto ambiental.

ADEGA defende un modelo enerxético ecoloxicamente sustentábel e equitativo, fondamente contradictorio co actual, que se basea no productivismo e o consumismo, que antepón intereses privados aos colectivos e é insolidario coas xeracións futuras e cos países empobrecidos do Sur.

A Asociación ten impulsado innumerábeis actividades desde a súa creación para dimimuír o impacto ambiental do sector enerxético. De feito, é un dos campos nos que máis ten traballado.

A loita contra o proxecto da central nuclear de Xove, a finais dos anos 70, foi unha das primeiras campañas nas que se implicou ADEGA, culminada con éxito. Xa a mediados dos anos 80, ADEGA promoveu unha campaña de grande repercusión social en contra dos vertidos de residuos radiactivos realizados por varios países europeos fronte ás nosas costas. A oposición activa e unánime da sociedade galega contra estes vertidos contribuiu decididamente ao seu cesamento.

Os aproveitamentos hidroeléctricos tamén foron sempre obxecto da atención de ADEGA. Nos últimos anos, o traballo a prol do ordenamento adecuado da construcción de parques eólicos, salvagardando as áreas de maior valor ecolóxico, é unha das prioridades de ADEGA, que apoia os parques eólicos cando se constrúen en zonas onde non provocan impactos ambientais inaceptábeis.

ADEGA denunciou en numerosas ocasións a elevada contaminación orixinada polas centrais térmicas de carbón de As Pontes e de Meirama, particularmente a acidificación das chuvias que orixinan.

Estas son, en síntese, as principais propostas de ADEGA no campo da enerxía:

* O fomento da suficiencia enerxética, que está relacionada coa xustiza ambiental. A reducción das desigualdades Norte-Sur requere a diminución do consumo de enerxía, nos países máis desenvolvidos a escala planetaria, para o cal, alén de promover un uso máis eficiente da enerxía, cómpre combater o productivismo e o consumismo.

* A promoción da utilización eficiente da enerxía en todos os sectores (doméstico, industrial, servizos, transporte). É necesario extender as prácticas e tecnoloxías que nos permiten desfrutar dos mesmos servizos enerxéticos cun consumo inferior. Por representar unha parte moi importante do consumo de electricidade no noso país, resulta especialmente relevante mellorar na medida do posíbel a eficiencia das industrias máis intensivas en enerxía, sobre todo no sector da metalurxia do aluminio.

* O desenvolvemento das enerxías renovábeis (eólica, solar, biomasa,...), de forma compatíbel co medio natural e maximizando os beneficios para as poboacións locais e para o conxunto da sociedade galega. Non se deben instalar minicentrais e parques eólicos nas zonas de maior interese natural e onde provoquen custos sociais inaceptábeis. O incremento da producción de enerxía renovábel debe contribuír efectivamente á construcción dun modelo enerxético sustentábel no noso país.

* A diminución progresiva da producción das centrais térmicas e a substitución do carbón e petróleo por gas natural.

* O rexeitamento total da construcción de novos grandes encoros hidroeléctricos, como os que aínda ameazan o río Navia ou os previstos no Plano Hidrolóxico de Galiza-Costa da Consellería de Política Territorial e Obras Públicas.

termicas.jpg
As centrais térmicas, especialmente cando utilizan carbón, constitúen unha forma de producción eléctrica altamente prexudicial para o medio.
proxectosagresivos.jpg
A producción, transformación e consumo da enerxía é a principal causa de deterioración ambiental, tanto a nivel galego como a nivel planetario
eol2.jpg
ADEGA desenvolveu numerosas e variadas actividades para se opor á construcción masiva de parques eólicos na serra do Xistral, unha das máis valiosas do noso país.
belesar.jpg
Os ríos galegos foron gravemente deteriorados pola construcción de encoros hidroeléctricos. Galiza produce hoxe unha cuarta parte da enerxía hidroeléctrica española



ADEGA esixe garantir a sustentabilidade ambiental do aproveitamento da biomasa Imprimir E-mail
biomasa.jpg24 de xaneiro de 2008. Perante o recente anuncio das consellerías do Medio Rural e Industria de promover a construcción de novas centrais de biomasa en Galiza dentro do Plano de Aproveitamento da Biomasa Forestal Residual, ADEGA quere expresar a súa preocupación polo protagonismo do aproveitamento enerxético fronte á compostaxe. As plantas enerxéticas de biomasa poden ser unha alternativa máis para tratar os materiais provintes dunha xestión forestal integral, mais non a única. Recuperar a materia orgánica para contribuir a diminuir a perda de fertilidade dos nosos solos mediante a compostaxe debería ser unha prioridade.
 
ADEGA pide regulamentar o desenvolvemento dos parques solares industriais Imprimir E-mail
hortasolar.jpgPARA NON COMETER OS MESMOS ERROS QUE COA ENERXÍA EÓLICA. Compostela, 20 de Nadal de 2007. Os recentes anuncios encol da construcción de duas “hortas solares” industriais por parte de investidores chineses e galegos, abre a veda do aproveitamento industrial da enerxía solar. ADEGA apoia o desenvolvemento das enerxías renovábeis, mais non a calquera prezo. A experiencia que no noso país temos coa enerxía eólica e o seu caótico desenvolvemento, é un exemplo de como unha tecnoloxía “limpa” remata causando graves impactos ambientais e importantes perxuízos á cidadanía.
 
Alegacións de ADEGA aos novos Planos Eólico e Enerxético Imprimir E-mail
ener.jpg20 de xaneiro de 2008. ADEGA ven de apresentar alegacións aos novos Planos Sectorial Eólico e Plano Enerxético. Trátase de non cometer os mesmos erros que coa anterior planificación, fonte de graves perxuízos mabientais e sociais. Por iso, resulta chave subsanar as eivas do pasado facendo do aforro, a eficiencia e a suficiencia enerxética os eixos dunha nova política enerxética. Cómpre desvencellar o crecemento económico do medre da demanda enerxética, apostar pola alternatividade das renovábeis, socializando os seus beneficios e renunciando aos obxectivos produtivistas. Alegacions PLANO EOLICO.doc PLANO EÓLICO / Alegacions PLANO ENERXETICO.doc PLANO ENERXÉTICO
 
Eólicos no mar de Galiza: non todo vale para producir kilovatios Imprimir E-mail
eolmar.jpg29 de outubro de 2007. O tirapuxa entre a Xunta e o Ministerio de Industria polos parques eólicos mariños está a desviar a atención sobre a cuestión de fondo: o desenvolvemento das renovábeis en Galiza está baseado no produtivismo e non na eficiencia. A Xunta segue coa teima de triplicar a producción eólica no 2011 e o Ministerio quere implantar a eólica mariña en todo o estado. En Galiza o desenvolvemento eólico tivo custos ambientais e sociais moi altos: privatizáronse os beneficios e socializáronse os impactos. Agora meter muíños na costa alén de innecesario, podería ter graves consecuencias sobre os nosos recursos mariños.
 
A trama das renovábeis: negocio para uns poucos, impactos para todos Imprimir E-mail
minieuro.jpg 11 de maio de 2007. O alcalde de Chandrexa de Queixa, D. Francisco Rodríguez preside a empresa Hidroeléctrica del Rio Grande S.L. que ten por obxecto a construcción dunha minicentral dentro da Rede Natura e máis do futuro Parque Natural do Macizo Central. A primeira reflexión refírese á evidente incompatibilidade entre as políticas conservacionistas da actual Xunta e o proceder dalgúns concellos, orientados ao negocio da producción enerxética. Mais este caso é só a punta dun iceberg, a coñecida como "trama das renovábeis" actualmente investigada pola Fiscalía, onde aparecen alcaldes-promotores, empresas pantalla, concesións irregulares, "pelotazos" especulativos...
 
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA