16 de xuño de 2008. O pasado sábado 7 de xuño tiveron lugar no concello de Fisterra as V Xornadas «Limpando as Nosas Rías», que como en outras edicións, contou coa participación de ADEGA-Costa da Morte en diversas ponencias e actividades, destacando a limpeza do entorno do porto de Fisterra grazas á colaboración de embarcacións, mergulladores e outros profesionais do mar da localidade.
16 de xuño de 2008. Membros de ADEGA da Costa da Morte achegáronse hoxe ata o lugar de Sembra para visitar os restos da tala indiscriminada dunha pequena carballeira dunha media hectárea pertencente á parroquia de Toba no concello de Cee. A carballeira, xa destruída por completo, ocupaba unha das parcelas públicas resultantes da concentración parcelaria no núcleo. Este atentado ecolóxico supón un novo golpe á xa devastada masa forestal autóctona do municipio, que tiña na carballeira de Toba un dous seus últimos expoñentes.
Este xoves 12 de xuño, no local de Adega-Costa da Morte e da Plataforma pola Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas, levouse a cabo unha actividade teórico-práctica de compostaxe caseira. A técnica de ADEGA Desireé González informou das características e beneficios do compost, demostrou como se constrúe un composteiro e os coidados e cuestións relacionadas coa producción dun abono de calidade. 25 persoas de todo o concello xa están a montar os seus composteiros, para a base de materia orgánica poder ter un compost limpo e de balde á volta de 6 meses.
13 de xuño de 2008. Stolt Sea Farm ven de solicitar permiso de vertido para as súas prantas de rodaballo en Quilmas e Lira (Carnota). Este permiso é preceitivo e previo á licenza de actividade. Dase o caso que estas prantas levan máis de 20 anos funcionando sen el, isto é, sen que a administración saiba que produtos e en que cantidades se botan polos tubos ao mar. E a maioría das instalacións acuícolas na costa están nunha situación similar. Como é posíbel que malia a esta situación irregular e ilegal, Medio Ambiente lle dé o visto bó á construcción doutras 27 macroplantas por toda a costa que van multiplicar os vertidos e a contaminación das nosas millores augas costeiras?
Cee, 2 de xuño de 2008. O alcalde de Cee, Ramón Vigo, asegurou a semana pasada que a Costa da Morte é unha zona candidatábel para acoller a fábrica de celulosa ENCE, actualmente aloxada na ría de Pontevedra. ENCE + Ferroatlántica na ría de Corcubion? E que tal unhas cantas piscifatorías como agasallo? Daquela sí poderemos falar con propiedade dunha verdadeira "COSTA DA MORTE"
20 de maio de 2008. Despois do éxito do anterior roteiro ás Illas Lobeiras decidimos repetir a actividade. A nova data para este roteiro será o próximo domingo 1 de xuño ás 11h diante da Fonte de Quilmas. Será unha travesía marítima. As Lobeiras son dous grupos de illas situadas fronte á costa de Quilmas. Na Lobeira Grande hai un faro que en tempos estivo habitado por fareiros. É NECESARIO APUNTARSE PREVIAMENTE, xa que as prazas son limitadas. Hai que levar comida e roupa de abrigo (recomendábel). Para inscribirse hai que chamar ao 687531513. A inscrición son 10€