| O Concello de Avión aproba solicitar a declaración de ENIL para o río Couso |
|
|
Avión, 3 de decembro de 2008. O pasado venres 28 de novembro o Concello de Avión acordou por unanimidade declarar Espazo Natural de Interese Local (ENIL) a área do río Couso que está ameazada pola construción dunha minicentral. A proposta foi feita a instancias de ADEGA e da veciñanza da parroquia de Amiudal, ten como obxectivo protexer tanto o val do río Couso como unha histórica levada que está construida alomenos dende hai 100 anos. A levada é unha canalización de rego tradicional que atravesa o val do río Couso e sen embargo non figura como ben patrimonial ameazado por esta minicentral. A continuación expoñemos parte do texto da moción presentada e aprobada: “O Concello de Avión e o seu contorno conta con espazos públicos de altísima calidade ambiental. Si aceptamos que estas figuras de protección favorecen a sustentabilidade destes espazos e, polo tanto, tamén da súa capacidade de creación de riqueza no sector turístico e paisaxístico, debemos tamén asumir a responsabilidade do Goberno Municipal á hora de velar polo interese xeral da poboación promovendo, desde a legalidade vixente, as medidas de protección a espazos locais de recoñecido valor no caso de que desde outras administracións competentes non atendan. A Lei 9/2001 contempla como figura de protección a de “Espazo Natural de Interese Local”. O decreto 124/2005 de 6 de Maio, desenvolve esta figura que debe partir da iniciativa dos propios concellos que deberán elevar a proposta, cos informes e trámites precisos, á Consellería de Medio Ambiente. A declaración de Espazo Natural de Interese Local conlevará a elaboración dun Plan de Conservación e Promoción así como unha partida orzamentaria que poderá ser complementada con axudas doutras administracións para as que terán caracter preferente. Dende ADEGA queremos felicitar a todos os membros da corporación municipal de Avión polo acordo tomado de protección do río Couso. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|

Avión, 3 de decembro de 2008. O pasado venres 28 de novembro o Concello de Avión acordou por unanimidade declarar 
