|
ADEGA participa no desenvolvemento de proxectos sustentábeis no rural |
|
|
23 de febreiro de 2009. ADEGA vén de participar en diversas actividades relacionadas co aproveitamento sustentábel do medio rural en Quilmas (Carnota) e Folgoso do Courel. En Quilmas, coa colaboración da Cooperativa de cultivo ecolóxico Rainha Lupa, ADEGA organizou dous campos de voluntariado. En Folgoso, membros de ADEGA presentaron un estudo para investigar as posibilidades de emprego vencelladas á posta en valor dos recursos naturais do Courel. A declaración de Parque Natural Ancares-Courel representaría unha importante posibilidade de conservar e valorizar os imensos recursos naturais, paisaxísticos, etnográficos e culturais destes territorios. MIRA OS CROMOS DAS XORNADAS!
En Quilmas, traballouse primeiro na fin de semana do 14 ao 15 plantando 135 árbores froiteiras e 84 mais o pasado xoves 19. A plantación de insírese nos planos da Cooperativa de Agroecoloxía Rainha Lupa, que se constituiu hai alguns meses en Quilmas (Carnota) para poñer en valor unhas terras ameazadas polo Plano Acuícola. Na cooperativa participan 15 viciños/as que aportan as suas terras, xuntando um total de 30 Ha de agras que estaban sen cultivar, algunhas máis de 20 anos. Os cultivos distribuense por zonas segundo as características dos terreos: así, adícanse 4,5 Ha a trigo e centeo, 1 Ha a patacas, 15 Ha a froiteiras, 2 Ha a verde ornamental e sebes, deixando tamén algunha terra a monte. Con experiencia preténdese poñer en valor as agras da aldea de Quilmas, recuperando a sua antiga función de forma comunitaria, co que a planificación resulta mais doada e a rendibilidade maior. O tecido da terra volta ao seu aspecto variado e rico en matices, e o sentimento de fartura e vizosidade alimenta a sensación da estética baseada do equilíbrio e da permanencia. Con esta experiencia exemplar, Quilmas asegúrase un lugar na historia da luita polo territorio e a conservación dos valores ambientais que ligados ao desenvolvimento sustentábel. Aproveitando os antigos saberes e aplicando os novos coñecementos de agroecoloxía, a veciñanza de Quilmas estáa realizar o pacto de amizade coa Terra que os mantén e que lle da casa e comida. En Folgoso do Courel, este pasado sábado 21 de febreiro, representantes de ADEGA presentaron un estudo que se está a realizar para nvestigar as posibilidades de emprego vencelladas á e posta en valor dos recursos naturais. Na reunión pulsouse a opinión da veciñanza respecto da problemática do Courel e expuxéronse as inmensas posibilidades ambientais do Courel, paradigma de paisaxe humanizada. Foi opinión maioritaria dos presentes que a declaración de Parque Natural representaría un cambio de tendencia con respecto ao abandono que está a sofrer toda esta zona de montaña, excepcional pólos seus valores ambientais, paisaxísticos, etnográficos e culturais. Seria imprescindíbel un Plano Reitor para a zona consensuado coa veciñanza no que estiveran implicadas todas as consellarías. Despois da sesión, ADEGA adquiriu o compromiso de dar a coñecer os resultados incorporando as aportacións fornecidas polos veciños e veciñas da zona, repesentada na reunión polos diferentes sectores productivos e asociacións que teñen a sua sé no Courel (montes veciñais, turismo rural, pedáneos/as, asociacións veciñais, industrias agroalimentares, ensino, etc).   |