Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Novas de ADEGA-Costa da Morte arrow Retorno á caverna ambiental: volven a piscifatoría de Touriñán e o viaduto de Noia
Retorno á caverna ambiental: volven a piscifatoría de Touriñán e o viaduto de Noia Imprimir E-mail
marchatourinhan.jpg4 de marzo de 2009. O PP recupera dous dos proxectos máis insustentábeis e agresivos co litoral. Os recentes anuncios de “resucitar” a piscifatoría de Touriñán e o viaduto sobre a ría de Noia, rexeitados no seu momento polo alto impacto ambiental, supoñen dous graves atentados contra o patrimonio natural de TODA a cidadanía e unha volta atrás no camiño da sustentabilidade. De levarse a cabo o proxecto de Touriñán, será curioso ver como o PP e Pescanova explican por que non se afasta 500 metros do mar como aconteceu coa de Mira (Portugal). Que diferencia á Rede Natura portuguesa (dunas de Mira) da Rede Natura galega (Costa da Morte-Touriñán)?
 

O Cabo Touriñán e o esteiro do Tambre son dous espazos protexidos da Rede Natura 2000, unha Rede Natura aprobada durante a era Fraga e que ten a dubidosa honra de ser a máis cativa de todo o estado español, agás Melilla. No seu momento e como é ben sabido, ADEGA opúxose frontalmente tanto ao chamado “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria” aprobado no último Consello da Xunta da era Fraga polo governo do PP en funcións, e que beneficiaba descaradamente a unha determinada multinacional pesqueira, como ao Plano Acuícola aprobado polo governo saínte, máis xeneroso con outra das empresas competidoras da anterior. Ambos planos non dubidaban en sacrificar preto de 3 millóns de metros cadrados de litoral virxe para maior gloria das contas de beneficios destas multinacionais, deixándonos a paisaxe desfeita e o mar contaminado, poñendo en perigo a pesca e o marisqueo tradicional e todo por unha cifra ridícula de empregos en precario (inchada a vontade por uns e outros) en comparación cos que xeraría un aproveitamento sustentábel e tradicional dos nosos resursos autóctonos (pesca, marisqueo, turismo, agricultura, etc).
Agora o Sr. Negreira, presidente provincial do PP, anuncia a inminente resurreción do proxecto de Touriñán, implorando a Pescanova que volva e rendibilice ese €uro por metro cadrado que lle custou mercar un LIC da nosa Rede Natura. De levarse a cabo o proxecto, será curioso ver como tanto o PP como Pescanova explican por que non se afasta a macropiscifatoría de Touriñán 500 metros terra adentro como aconteceu coa fatoría que Pescanova construiu en Mira (Portugal), despois de marchar de Cabo Touriñán. Que diferencia á Rede Natura portuguesa (dunas de Mira) da Rede Natura galega (cabo Touriñán)?
viaduto.jpgPolo que respeita ao viaduto sobre a ría de Noia, proxecto impulsado polo Sr. Núñez Feijoo cando estaba na COTOP e que agora quere tamén recuperar, nada mudou con respeito aos informes que a propia administración (o PP na época de López Veiga) e expertos ambientais consideraron determinantes para que logo se rexeitara a obra: afectará gravemente ao LIC Esteiro do Tambre, á paisaxe litoral da ría de Noia e provocará cambios de correntes que mudarán a composición e profundidade da enseada, poñendo en perigo os ricos bancos marisqueiros da ría. Ademáis, recuperar esta obra entra en contradicción co proxecto Costas para demoler a escolleira de Noia e devolver a configuración natural á ría. A tal escolleira, construida nos anos 70, provocou cambios na profundidade e desprazamentos de areas do entorno que perxudicaron aos bancos marisqueiros. Que non fará unha macroponte de 1 quilómetro e medio na ría?
O Partido Popular debería reflexionar seriamente sobre estas dúas propostas: non se pode dicir no programa electoral que se quere “promover a sustentabilidade e a conservación dos espazos naturais” e logo cementar dúas zonas protexidas poñendo en perigo os recursos naturais, a pesca, o marisqueo e o turismo.
Resulta tamén paradoxal a coincidencia entre as propostas do PP e o defendido por algúns dos colectivos da Rede Galiza Non Se Vende, que saudan agora a volta da piscifatoría de Touriñán e do viaduto da ría de Noia. Os intereses localistas dalgúns destes colectivos, máis preocupados por postulados NIMBY (non na miña leira) que pola defensa do patrimonio ambiental de TODA a cidadanía galega, quedan agora de manifesto. Lamentamos que tivera que vir o PP para poñer en evidencia as contradiccións dunha rede que comezou sendo un soplo de aire fresco na sociedade civil galega.
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA