| España, sumidoiro xenético de Europa: a ministra Espinosa, principal valedora dos transxénicos |
|
|
Compostela, 28 de abril de 2009. Nunha intervención no Senado, a ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, fixo unha encendida defensa do cultivo de transxénicos en España. Con argumentos como "son para cubrir a demanda interna" (de pensos para o gando) ou "a maioría utilízanse en saúde" (produción de insulina), rematando con que a prohibición sería "contraria á normativa comunitaria", a Sra. Espinosa colócase nas catacumbas ambientais a contracorrente de países que como Franza, Italia, Austria ou Alemaña xa prohibiron o cultivo do millo MON 810 mediante a cláusula de salvagarda. O estado español é o de maior superficie cultivada con transxénicos en Europa (preto de 80.000 Ha en 2008).Na súa resposta á pregunta do senador do BNG X. M. Pérez Bouza, a Sra. Espinosa debruzou argumentos peregrinos e demagóxicos, máis propios dunha reportaxe publicitaria das transnacionais da biotecnoloxía. Sobre a suposta necesidade de cultivar transxénicos para "cubrir a demanda de pensos", o debate non é darlles transxénicos ou non aos animais (ADEGA ten claro que non, e máis cedo que tarde proibiranse, como aconteceu cos pensos animais -vacas tolas-). O asunto é que non se autorice o seu cultivo, polos riscos ambientais e de saúde que teñen os OMXs. De seguro que os países que proibiron estes cultivos subministran tamén transxénicos ao gando (agás a carne ecolóxica) mais non permiten sementar o MON 810 no seu territorio. Son as 73.453 Ha que se cultivan España (31.857 Ha en Aragón; 25.298 Ha en Cataluña; 10.416 Ha en Extremadura; 5.150 Ha en Navarra, 4.739 Ha en Castela-A Mancha; 1.372 Ha en Andalucía e 381 Ha en Madrid) as que formecen de pensos transxénicos ao estado e a Europa, convertindo a España nun auténtico sumidoiro xenético. Sobre que "a maoiría das substancias transxénicas utilízanse no ámeto da saúde, como a insulina" ADEGA lamenta a ignorancia (ou interés en desinformar) da ministra. Que terán que ver os allos cos bugallos? Estamos a falar de cultivo na natureza a grande escala de vexetais transxénicos (millo, soia, colza, patacas, tomates e próximanente, eucaliptos) que van cruzarse coas variedades naturais, empobrecer o chan, acabar coa biodiversidade e coa soberanía alimentar dos pobos... non do uso confinado en laboratorio. Ao igual que a tecnoloxía nuclear, esta pode ser boa para radioterapia pero nefasta para producir enerxía e non digamos armas atómicas. Non pretendemos demonizar á biotecnoloxía, senón impedir os seus usos perversos. Este demagóxico argumento da Sra. Espinosa, tirado directamente do catecismo das multinacionais dos OMXs, da unha idea das intencións do ministerio: transxénicos a eito caia quen caia, a maior gloria dos beneficios empresariais. Finalmente, e sobre o feito de que unha proibición unilateral sería "contraria á normativa comunitaria", a ministra volta a errar (será que non está ben asesorada?). Non se trata dunha prohibición, Sra. Espinosa, senón de que o estado español se acolla á chamada "clausula de salvagarda" atendendo ao Principio de Precaución que establece a propia normativa europea, como fixeron Franza, Italia, Austria ou Alemaña. Hai que lembrar tamén á despistada ministra que este 2 de marzo, os ministros/as de Medio Ambiente da UE rexeitaron a proposta da Comisión de levantar a moratoria aos transxénicos vixentes nalgúns estados (Espinosa votou a favor de levantala, vaia teima). Deste xeito, Hungría pode seguir mantendo a prohibición de cultivar o millo MON 810 de Monsanto e Austria impedir a entrada no seu agro deste MON 810 e do T25 da Bayer, alén doutras moratorias que se manteñen. E mentres España, segue facéndolle o xogo a Monsanto, Syngenta, Pioneer, Bayer... Finalmente, queremos lembrar á Ministra que segue sen respostar adecuadamente ás solicitudes de información feitas por ADEGA e outras organizacións da Plataforma Galega Antitransxénicos, sobre a localización exacta das parcelas experimentais con transxénicos en Galiza. Está tamén por ver se a nova Xunta vai facer algo máis que apoiar a feble resolución do Parlamento Galego ou vai, como até o de agora, seguir dando un "perfil baixo" á espiñenta cuestión dos cultivos transxénicos en Galiza. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|



