| A piscifatoría de Mira, unha fraude de lei; a de Touriñán, un insulto á cidadanía |
|
|
22 de xuño de 2009. Está moi claro quen manda na consellaría do Mar: PESCANOVA. A inauguración este día 21 da macropiscifatoría de Mira, preto de Coimbra, puxo de manifesto a enorme influencia que determinadas empresas privadas exercen sobre administracións e medios de comunicación. Así nas informacións da prensa galega, esta macroinstalación de acuicultura industrial preséntase como un proxecto milagre, capaz de achegar felicidade e prosperidade a vilas deprimidas e terceiromundistas. Esta enorme campaña informativa é parcial e carece de rigor ao presentar unha única visión das macropiscifactorias apoiada en mentiras e medias verdades. No entanto, á conselleira do Mar Rosa Quintana faltoulle tempo para poñerse ás ordes de Fernández de Sousa e repetir dilixente que recupera o proxecto de Touriñán. A suposta creación de centos de postos de traballo publicitada por Pescanova (aproximadamente 600, comezaron ofrecendo 3000) é irreal e carece de fundamento. As plantas de acuicultura industrial necesitan moi pouca man de obra: en todo o sector da acuicultura de costa en Galiza, traballan menos de 500 persoas, incluindo directivos e comerciais. En Camariñas, na planta de Cabo Vilán (a máis grande de Galiza) traballan hoxe menos de 50 persoas. Si acudimos a esta planta durante a xornada laboral dun día calquera, atoparemos 3 ou 4 coches aparcados diante, indicativo do escaso número de persoas que traballan nela. E Camariñas segue a ser unha vila cun importante problema de paro, logo de varios anos coa piscifatoría. Ademáis, os postos de traballo son de baixa cualificación, con contratos temporais e a tempo parcial por non falar do soldo, cuestións que provocaron as protestas dos traballadores durante o pasado ano. Onde está logo a suposta regalía? No caso da planta de Mira, esqueceuse mencionar que a fábrica sitúase sobre terreos protexidos da Rede Natura 2000. Dunas con hábitats prioritarios que foron violados mediante a declaracion de “Proxecto de Interese Nacional” por parte do goberno portugués. Esta é unha figura reservada só para proxectos relaccionados coa defensa nacional e polo tanto a súa aplicación neste caso constitúe unha fraude de lei (cumprir unha norma formalmente, pero violar o espírito desta). E en Touriñán, case a metade da superficie da proxectada planta son hábitats prioritarios, cuxa protección está garantida pola UE. Vai a Sra. Quintana imitar a chafallada legal do governo portugués e declarar “de interese nacional” a fábrica de Pescanova? E de facelo, a que razóns atendería (alén das do puro servilismo)? Esta cuestión non é irrelevante, xa que a Unión Europea pode perfectamente ordenar o derrubo das instalacións en virtude da existencia desta fraude de lei. Ademais os ecoloxistas portugueses da Quercus teñen interpostas varias demandas xudiciais e denuncias perante as instancias europeas que poden prosperar. Á Sra. Conselleira no lle debería caber ningunha dúbida de que ADEGA fará o propio con Touriñán en Galiza. É lamentábel voltar a comprobar como grandes compañías que unicamente se moven por avaricia xogan coa opinión pública e condicionan as decisións dos governos. E a estes políticos éncheselles a boca falando do desenvolvemento sustentábel sen saber apenas o que significa e contradicindo inmediatamente as súas palabras coas súas obras (por non falar do programa electoral do PP, que recolle o obxectivo de “acadar o desenvolvemento sustentábel para Galicia”). Sra. Quintana: se poña como se poña, a Piscifatoría de Touriñán é radicalmente incompatíbel coa conservación dos hábitats naturais obxecto de protección prioritaria (véxase o texto da Directiva 92/43 CE): non caben interpretacións da norma (art. 6): para ocupar este espazo só cabería alegar "consideracións relacionadas coa saúde e a seguridade pública, de primordial importancia para o ambiente, ou razóns imperiosas de interese público de primeira orde". Pode que para vostede sexa suficiente cos desexos do Sr. Fernández de Sousa, mais na UE dubidamos moito que atendan ás súas razóns. Neste senso o Director de Relacións Internacionais de Pesca e acordos pesqueiros da CE asegurou que a Comisión tería intervido si a Xunta non denegara a implantación dunha planta acuícola a Pescanova en Cabo Touriñán xa que "hai unha responsabilidade en termos de protección das zonas da Rede Natura". Estamos pois diante da utilización dunha burda fraude con campaña mediática incluida para executar a coñecida política de feitos consumados, violentar a lei, e poñer a disposición dunha empresa privada o millor do noso patrimonio natural. Se isto é para o PP “acadar o desenvolvemento sustentábel para Galicia”, explicámonos entón que se pretenda defender o galego incumprindo a Lei de Normalización. Para a Sra. Rosa Quintana e o Sr. Fernández de Sousa, "desenvolvemento sustentábel" significa que o seu desenvolvemento o sustentamos todos e todas nós. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|

22 de xuño de 2009. Está moi claro quen manda na consellaría do Mar: PESCANOVA. A inauguración este día 21 da 
