| Iberdrola fai o que quere co Sil: o río está seco e cheo de excavadoras |
|
|
Ourense, 13 de xullo de 2009. Os colectivos que integramos a Plataforma pola Defensa da Ribeira Sacra, entre eles ADEGA, vimos de solicitar a paralización urxente das obras da central Santo Estevo II e un novo estudo de impacto que contemple as graves afeccións ambientais e turísticas do delirante proxecto de IBERDROLA. Dende a Plataforma queremos tamén alertar sobre o actual estado do Sil, protexido pola Rede Natura, acribillado pola imensa cobiza de IBERDROLA. Nestes intres, as excavadoras e demáis maquinaria pesada invaden a canle, enchendo de entullos un Sil case seco, incumprindo o caudal ecolóxico. Mentres, ministerio, Xunta e concellos miran para outro lado. Haberá alguén que crea o timo dos postos de traballo? ![]() Un entorno privilexiado: Queremos chamar a atención sobre a singular paisaxe galega que é a Ribeira Sacra. Os ríos e as montañas forman eiquí unha combinación característica que é o sinal de identidade dunha zona que cada vez atrae máis visitantes ocasionais e mesmo novos residentes que contribúen a frear o despoboamento e a manter viva a terra. No entanto, este hábitat de numerosas especies protexidas tanto animais como vexetais, entre as que salientamos a aguia real e o lobo, vese ameazado polos proxectos de ampliación das turbinas dos distintos encoros que promoven Iberdrola e Unión Fenosa. A cobiza sen límites das eléctricas: Iberdrola e Unión Fenosa equivócanse pensando que poden impor os seus proxectos baseándose nos ingresos económicos que lles proporcionarán aos seus accionistas privados. Equivócanse porque nin producen nin van producir ningún beneficio económico cos novos proxectos. Unicamente están interesados no seu lucro incesante aínda pasando por riba dos habitantes da Ribeira Sacra. Resulta indecente que estas empresas publiciten a súa sustentabilidade cando se amosan insensibles ás demandas da xente que defende a integridade da paisaxe e o seu modo de vida. Os proxectos destas compañías son cinco en total: Os Peares, Belesar, San Pedro, Santa Cristina e Santo Estevo. Destes cinco proxectos unicamente o denominado Santo Estevo II está aprobado, curiosamente por unha ministra orixinaria de Ourense. Os demais son proxectos que a administración galega e estatal están a tempo de parar e declaralos incompatibles coa conservación dos recursos naturais. Santo Estevo II: unha tramitación escurantista O proxecto de Santo Estevo II foi tramitado con total escurantismo por parte das administracións responsables, o Ministerio de Industria e o Ministerio de Medio Ambiente. Nin colectivos ambientalistas nin colectivos veciñais, nin os concellos afectados foron informados debidamente para coñecer o proxecto e máis pór de manifesto as alegacións e os puntos en desacordo co proxecto. Non se pode tramitar un proxecto de tal envergadura e influencia en varias comarcas sen informar nen consultar aos cidadáns. O inicio das obras do proxecto Santo Estevo II que tivo lugar en outubro de 2008, foi anterior á concesión da pertinente autorización do Ministerio de Industria (publicada no BOP Ourense de data). A concesión da licenza municipal de obras por parte do Concello de Nogueira de Ramuín ten que concederse cando todos os permisos estean tramitados e sen embargo obvia a carencia desta licenza do Ministerio de Industria.As nosas demandas: Por esta razón solicitamos que se paralicen inmediatamente as obras do proxecto Santo Estevo II e que se tomen as medidas que sexan necesarias polo incumplimento da legalidade vixente. Solicitamos ademais que se reinicie o procedemento de avaliación de impacto ambiental do proxecto Santo Estevo II pola carencia de información pública axeitada que limitou o acceso da cidadanía aos datos do proxecto. Temos dereito a ser escoitados pola administración responsable e a solicitar que a Ribeira Sacra manteña intacta a súa paisaxe para que todos e todas poidamos disfrutar dela pero sobre todo para que tamén poidamos vivir e traballar eiquí. Nestes momentos aínda estamos a tempo de Salvar a Ribeira Sacra e, dende a Plataforma, queremos dicir ben alto “Isto é un atentado ecolóxico: salvemos a Ribeira Sacra”. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|



Os proxectos destas compañías son cinco en total: Os Peares, Belesar, San Pedro, Santa Cristina e Santo Estevo. Destes cinco proxectos unicamente o denominado Santo Estevo II está aprobado, curiosamente por unha ministra orixinaria de Ourense. Os demais son proxectos que a administración galega e estatal están a tempo de parar e declaralos incompatibles coa conservación dos recursos naturais.
O inicio das obras do proxecto Santo Estevo II que tivo lugar en outubro de 2008, foi anterior á concesión da pertinente autorización do Ministerio de Industria (publicada no BOP Ourense de data). A concesión da licenza municipal de obras por parte do Concello de Nogueira de Ramuín ten que concederse cando todos os permisos estean tramitados e sen embargo obvia a carencia desta licenza do Ministerio de Industria.
