| O desprezo de Iberdrola pola nosa natureza, as mentiras da ministra e a inoperancia da Xunta |
|
|
16 de xullo de 2009. As irregularidades do proxecto de Iberdrola no Sil acaban saíndo a flote: o 3 de xullo de 2008 Elena Espinosa afirmou que NON asinara aproveitamento hidroeléctrico ningún no río. Días despois (8 de xullo) a aprobación de Santo Estevo II aparecía publicado no BOE asinado pola desmemoriada Ministra con data 23 de maio de 2008! Deste xeito, fica demonstrado por escrito que a Sra. Espinosa mentíu e que as obras, iniciadas en outubro de 2007, NON contaban coas autorizacións pertinentes. A propia Xunta comprometérase a non permitir máis encoros na Ribeira Sacra, e tampouco cumpríu: que vai facer agora Feijoo, logo da "aperta do oso" do Presidente de Iberdrola na súa toma de posesión? ADEGA considera que este (e outros 13 proxectos máis) son un exemplo de insustentabilidade ao afectar gravemente ao medio ambiente e ao sector turístico da Ribeira Sacra: as obras durarán 5 anos, xerando miles de toneladas de cascallos e sedimentos (220.000 metros cúbicos) que irán a parar a un ecosistema protexido, parte da Rede Natura galega. E de paso, serán unha lousa para a conservación de especies protexidas e en perigo de extinción como a aguia real, alén de comprometer a declaración pola UNESCO da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Non entendemos tampouco como a Xunta (D. X. de Conservación da Natureza, D. X. de Calidade e Avaliación Ambiental e D. X. de Patrimonio) puideron dar o visto bó a este delirante proxecto (ver BOE). En contra do que Iberdrola e o Ministerio queren dar a entender, actuacións coma estas son unha agresión inadmisíbel ao patrimonio natural e aos ecosistemas protexidos, tan como manifestaba ADEGA nas súas alegacións, que sorprendentemente non foron incluidas no procedemento de consulta.Iberdrola é unha compañía que gasta millóns de euros en indecentes campañas publicitarias (“Lo hemos hecho bien...” o “Huella verde”) nas que se gaba de defender o medio ambiente, pero non ten vergoña en contradicilas cando pode pola súa avaricia, comportándose como se Galiza fóra unha colonia e os noso patrimonio natural estivera ao seu servizo. É unha empresa que non xera ningún posto de traballo en Galiza: exporta a súa producción eléctrica e apenas deixa ingresos no país. Todo para para que o 30% da electricidade pérdase na evacuación a longa distancia ficando en Galiza os graves impactos ambientais que provoca a explotación. A Ribeira Sacra estaba consolidándose nos últimos anos como unha zona turística importante, tendo na paisaxe natural e cultural o seu gran valor diferencial. É o turismo, que na súa maior parte podemos cualificar como sustentábel, o que está a xerar postos de traballo e fixar poboación nunha zona cun preocupante despoboamento, e que os encoros non fixeron máis que incrementar. Debemos esixir aos políticos que defendan a paisaxe da Ribeira Sacra porque é un patrimonio de todos/as e non de determinadas empresas como Iberdrola, para as que a cobiza é a súa razón de ser e que supoñen unha hipoteca para o futuro da Ribeira Sacra. ADEGA fai un chamado á cidadanía para que exprese o seu malestar e o seu rexeitamento a esta barbaridade tanto diante Iberdrola, como fronte ao Ministerio de Medio Ambiente e a Xunta, e esixe a paralización inmediata das obras no río Sil. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|





