Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Últimas novas arrow Nin un paso atrás en defensa da costa: Touriñán é patrimonio de todos e todas
Nin un paso atrás en defensa da costa: Touriñán é patrimonio de todos e todas Imprimir E-mail
pgacpn.gif22 de xullo de 2009. A acuicultura industrial non é a solución, é o problema. Plataformas veciñais e ecoloxistas rexeitamos calquera macroproxecto acuícola, veña de quen veña, que represente a destrución dos valores naturais da costa galega. Hai outros modelos de desenvolvemento, baseados no aproveitamento sustentábel dos recursos da costa máis respectousos co medio e máis xustos socialmente. Por iso o debate non é só onde, se en Touriñán, Camelle, Quilmas, Corrubedo, etc. senón como e sobre todo para que. O como está moi claro: estragando a costa e poñendo en perigo o medio de vida de moita xente. O para que, supoñémolo tamén: para engordar as contas de beneficios dunhas empresas que non teñen ningún respecto pola nosa terra nin pola nosa xente.
 

tourinhansos.jpgPor iso, perante as declaracións dos responsábeis da nova Xunta de recuperar o proxecto de macropiscifatoría en Touriñán, os colectivos ecoloxistas e plataformas veciñais asinantes vémonos na urxencia de declarar o seguinte:
Dixémolo co Plano Acuícola de Fraga/López Veiga, insistimos co de Touriño/Gallego e voltamos a repetilo co de Feijóo/Quintana: calquera macroproxecto acuícola na costa galega nos termos do vixente plano sectorial é insustentábel. Rexeitarémolo solidariamente sexa onde sexa e veña de quen veña. Non queremos que empresas sen escrúpulos xestionen o millor da nosa costa e non imos calar fronte á complicidade e miopía duns políticos mediocres que nen antes nen agora souberon estar á altura. Como é posíbel que a esas empresas que especulan coa natureza, xogan indecentemente cos empregos, chuchan subvencións e emporcan o ambiente e a opinión pública, a Xunta lle renda o millor da nosa costa?
Reixetamos decidida e solidariamente o esnaquizamento dunha das máis senlleiras paraxes galegas para dar satisfación á cobiza dunha multinacional. Cambiar Merexo, Seiruga, Camelle, Corrubedo ou Quilmas por Touriñán coma se foran cromos non é unha opción: é unha vergoña. Derogar o nefasto Plano Acuícola e consensuar un desenvolvemento sustentábel da pesca e a acuicultura en Galiza, respectuoso co medio e coas nosas xentes, si.
Fronte a este andazo que require os mellores espazos do país, esnaquizándoos irreversibelmente para único beneficio de lobbys empresariais sen escrúpulos, hai alternativa: apostar por nós mesmos/as. Polo noso mar, pola nosa paisaxe e as nosas xentes. Por un mar limpo e un litoral sano, sen cemento, plásticos nen vertidos. Pola pesca e o marisqueo artesanal, polo turismo, a paisaxe e a cultura mariñeira. Polo emprego digno e o futuro que merecemos nós e os nosos fillos e fillas. E logo, sempre como complemento, podería ter cabida unha acuicultura de pequenas plantas, dimensionadas e lonxe dos espazos protexidos e da costa con máis recursos, con depuración integral e xestionadas polas poboacións locais, tal e como recomenda a FAO.
Queremos denunciar tamén o agravio que supón que a política de ordeamento e conservación do litoral siga estando condicionada pola patronal acuícola, que non ten a lexitimidade suficiente para especular cun patrimonio que é de todos e todas. E parécenos indecente que o goberno galego, tanto o de antes como o de agora, sexa un mero instrumento para a loita comercial entre as multinacionais do peixe de plástico, verdadeiros poderes fácticos con mando en praza nas consellerías.
Finalmente, facemos un chamado urxente á sociedade galega para que Touriñán non volva a ser outro cabo Vilán e para que na nosa costa non se repita o que está a acontecer en Moçambique ou Nicaragua. Diante desta nova desfeita anunciada, as plataformas en defensa do litoral sairemos solidariamente á rúa a defender costa e o mar, alén de continuar coas accións xudiciais, administrativas e sociais precisas para evitar esta barbarie.
 
TODOS/AS SOMOS TOURIÑÁN !
 
Asinan: ADEGA, Plataforma en defensa da costa de Oia, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma pola defensa do patrimonio de Quilmas, Plataforma de Arou, Asociación A Pergoliña e plataforma veciñal de Camelle, Plataforma veciñal Xove-Lago
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA