Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Novas de ADEGA-Ferrolterra arrow "Rexeneración" de Doniños: os endemismos protexidos ao tellado dun galpón
"Rexeneración" de Doniños: os endemismos protexidos ao tellado dun galpón Imprimir E-mail
doninhos.jpgFerrol, 28 de outubro de 2009. O proxecto de Costas para a "rexeneración" de Doniños inclúe a construción dun edificio sobre os hábitats prioritarios de dunas fixas, que ademáis vai eliminar exemplares de Omphalodes littoralis subsp. gallaecica, un endemismo presente só na provincia da Coruña e catalogado en perigo de extinción. Se ben vaise recuperar a parte do dominio público ocupado por vellas edificacións, algunhas xa derrubadas, non é de recibo facer novas construcións en plena Rede Natura e por riba sobre hábitats moi sensibles, que gozan da máxima protección europea. Como o edificio proxectado coincide físicamente coa área de distribución de dúas especies vexetais en perigo de extinción (a dita Omphalodes e Linaria polygalifolia subsp. aguillonensis) a solución de Costas é... trasplantalas ao teito do galpón, coma se fora un "parterre" urbano calquera!!! Outro exemplo da pouca consideración que Ministerio de Medio & Medio ten co noso patrimonio natural. Baixa as Alegacions DONINHOS.pdf Alegacións DONINHOS (159 KB)
 

O proxecto pretende a construción dun novo edificio no entorno de Outeiro, praia de Doniños, concello de Ferrol para, segundo reza a memoria “puesto de socorrismo e Instalaciones Municipales de Actividades Náuticas”, e a demolición de tres edificacións situadas dentro do DPMT, dúas das cais xa foron demolidas (xullo de 2008), así como a restauración dos terreos afectados. Cómpre subliñar que, malia a que a demolición das construcións sobre unha parte das dunas móbiles e as posteriores actuacións de restauración, supoñan unha millora das condicións naturais destes hábitats, a construción dun novo edificio sobre os hábitats de dunas cincentas (prioritarios), afectando ademáis a especies en perigo de extinción, traslada e amplifica os efectos negativos que se queren subsanar coas intervencións de rexeneración.
Por outra banda, das tres alternativas que baralla o proxecto, sen dúbida a escollida (a 3) é a que menores impactos causa. Deste feito non pode en absoluto deducirse que a localización proposta para esta edificación é a idónea, máxime cando dela derívanse tamén impactos considerados, de xeito moi benévolo no EIA como “severos”, e que ao noso entender teñen claramente un carácter crítico. Porén, non se considerou en ningún momento a posibilidade de reubicar esta instalación (en esencia un galpón para escola de surf e almacén) fóra dos sensíbeis hábitats dunares, por exemplo a carón do actual aparcadoiro e do inicio da pasarela; ou ben restaurar as instalacións da vella galería de tiro no Outeiro e, dende logo, tampouco se tivo en conta unha alternativa “0” isto é, evitar novas construcións restaurando unicamente o contorno degradado (precisamente polas construcións e usos pouco respectuosos), eliminar impactos reordenando o tránsito e os usos da praia e establecer medidas de protección para os hábitats naturais.
Ao noso entender, un “puesto de socorrismo e Instalaciones Municipales de Actividades Náuticas”, que non deixa de ser un galpón de usos múltiples para vestiarios, oficinas e almacén, non precisa estar situado sobre as dunas, fixas ou móbiles, nen tan sequera ter liña visual dende o mar (outra cousa son as torres de vixianza). En absoluto queda xustificado pois que a devandida edificación teña que estar nunha localización tan “privilexiada” e de paso impactante, a menos que se pretenda utilizar esa privilexiada posición para dar maior relevancia a determinados “actos sociais” relacionados coa prática dalgúns deportes náuticos. Tal estremo constituiría unha subversión das normas de protección ambiental e unha fraude á cidadanía que ten que respectar as restriccións para desenvolver determinadas actividades en espazos protexidos, por primar nestes o interese xeral da conservación.
galpon.jpgA actuación máis contradictoria é a “Conservación del banco de semillas de Omphalodes littoralis para su restauración en la cubierta de la edificación”, isto é, o traslado dos exemplares “afectados” pola construción do galpón de usos múltiples, dende o seu hábitat natural ao teito do edificio!!. Esta intervención, por moito que no proxecto e no EIA sexa cualificada como “propuesta innovadora de carácter experimental” é un despropósito dende o punto de vista científico. A conservación dunha especie, e máxime daquelas consideradas ameazadas ou en perigo de extinción, só ten sentido se se realiza vencellada á conservación do seu hábitat. Só no caso dunha irreversíbel perda ou fragmentación do seu hábitat natural, podería pensarse nunha relocación ou na conservación en catividade das poboacións ameazadas. Mais sempre o prioritario é actuar para suprimir as causas da situación de ameaza, non crealas deliberadamente! E isto é xustamente o que se pretende: desfaise a propósito o hábitat da Omphalodes cunha construción que ademáis se nos pretende presentar como “fogar de acollida” dos exemplares “desplazados”. Aberrante.
O propio informe botánico do EIA chama a atención sobre o alto risco de fracaso da experiencia: as especies dunares non son válidas para os “teitos verdes”; e este tipo de construción artificial semisoterrada funciona como un obstáculo ao movenento da area, provocando acumulacións e unha modificación a unha maior escala dos hábitats.
No propio EIA menciónase tamén o seguinte: “Se ha diseñado un conjunto de medidas compensatorias, en el caso de que la conservación del banco de semillas de Omphalodes littoralis para su “restauración” en la cubierta de la edificación no ofrezca los resultados esperados. Éstas son: -Estudio de especies raras o amenazadas.; -Proyecto de eliminación de especies invasoras; -Plan contra vehículos motorizados en ecosistemas dunares.” Parece claro que a propia administración dubida da efectividade desta intervención “innovadora e experimental” ao propoñer, para o caso, unhas denominadas “medidas compensatorias”. Cabe deducir logo que, no caso de ter éxito o viveiro de Omphalodes, non serían xa precisas medidas compensatorias? E tendo en conta o contido das medidas, algunhas como a eliminación das especies invasoras ou o control do tráfico polas zonas dunares, fundamentais para a conservación dos valores naturais de calquera espazo protexido, como é posíbel vencellalas ao éxito ou fracaso dunha determinada proposta, polo demáis controvertida?
ADEGA pide a Costas que deixe de xogar á xardinería de deseño cos hábitats e especies protexidas e modifique radicalmente a súa proposta. Calquera intervención sobre estes hábitats e especies, en particular as que figuran no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, deberá aterse ao recollido nos Planos de Recuperación ou Conservación e, en ausencia destes, contar co aval dos correspondentes departamentos das universidades galegas e coa supervisión do Observatorio Galego da Biodiversidade.
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA