Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Últimas novas arrow Leña ás "alimañas": masacres de raposos e batidas de lobos
Leña ás "alimañas": masacres de raposos e batidas de lobos Imprimir E-mail
lobamorta.gif28 de xaneiro de 2009. Esta fin de semana vai ser nefasta para a nosa fauna. Ao "campionato" estatal de caza de raposo, que vai perpetrarse en Portomarín, hai que engadir a batida de lobos autorizada nos montes do Suído. Se o primeiro "evento" amosa a cara máis depredadora e irracional dunha actividade diametralmente oposta á xestión sustentábel da caza, no que o obxectivo é matar por matar, a segunda confirma a guerra declarada que a nova Xunta libra contra o lobo, unha especie emblemática da nosa fauna. Tais comportamentos, máis propios da política franquista de cazatas e exterminio de "alimañas", amosan ben ás claras a falta de compromiso da nova administración coa conservación da nosa fauna salvaxe.
 

Galiza fica como un dos redutos no estado para este tipo de "campionatos" que, ademáis, curiosamente, adoitan acontecer nos mesmos tecores ano tras ano. É o caso de Portomarín, centro da "competición" estatal deste ano onde se levan realizados xa tres. Se a excusa é o "control" sobre as poboacións de raposo, por que hai que "controlalos" sempre nos mesmos lugares mentras que no resto do país que non acolle estas "práticas" as poboacións están controladas sen necesidade de masacralos periodicamente?
Os organizadores destas cazatas macabras deberían explicar que beneficios económicos recibe o rural galego como non sexa o de sementar os montes con chumbo, derrumbar muros de  fincas, xerar inseguridade, ou manter atemorizados aos pacíficos usuarios do monte. Semella que algunhas asociacións de cazadores arróganse a representatividade dos "propietarios rurais" malia a existir neste medio moitos veciños que desenvolven outras actividades lonxe destas práticas sanguentas.
É un escándalo tamén que se pretendan xustificar os masacres de raposos atendendo aos “Planos de Ordenación e Aproveitamento Cinexético" dos Tecores, nos que se fixan as capturas para as diferentes especies, cando temos demostrado a falsidade dos datos utilizados e a manipulación interesada dos censos. O máis grave é que a administración, consciente destas irregularidades, acaba tolerándoas e mesmo agasallando con cuantiosas subvencións públicas ás asociacións de cazadores.
Polo que respecta ao lobo, esta fin de semana haberá unha batida de lobo na parroquia de Xesta no Concello da Lama, en plena serra do Suido. Ao parecer, os solicitantes foron os gandeiros debido aos supostos "danos recurrentes". Resulta curioso que unha administración que acaba de reducir nun 66% o importe das axudas para previr ataques, aprobe poucos días despois unha batida deste cánido.
Apesar que que no Plano de Xestión do lobo, nas denominadas "zonas 1 e 2" o lobo é susceptíbel de control cinexético, non é menos certo que no Suido hai razóns abondo  e numerosas incertezas científicas para desbotar as batidas, e portanto, non se cumpren as condicións fixadas no Plano de Xestión do lobo:
1. Non se sabe exactamente a cantos animais vai afectar.
2. O servizo da Conservación da Natureza da Consellería de Medio Rural, non dispón de medios humanos suficientes para controlar o desenvolvemento da batida.
3. Os datos científicos sobre o número de lobos nesa zona da serra non están actualizados, polo que como se decide cantos se poden matar?
4. Tampouco se dispón de datos da mortalidade ilegal (atropelos, envelenamentos, caza furtiva, lazos e outras trampas), que a especie ven aturando até hoxe. Por exemplo, na primavera de 2006, a zona norte da Serra do Suído sufriu un episodio de envelenamento masivo coa morte rapinas, raposos e cans, descoñecendo como afectou á poboación de lobo.
A medida de eliminación física de lobos non representa unha solución ao problema da predación sobre a cabana doméstica, pois probablemente voltará a repetirse con animais chegados doutras zonas.  No Plano de Xestión faise fincapé nas medidas preventivas, compensatorias e de educación ambiental para permitir a coexistencia. Se a administración renuncia a este compromiso ao millor o que pretende é, como aconteceu no pasado, erradicar completamente esta especie "dañina".
En ADEGA coidamos que esta batida non está respaldada por ningún tipo de dato técnico ou científico fiábel, e demonstra a falla dunha vontade seria por parte da actual administración para conservar a especie.
< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA