Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Novas de Educación Ambiental arrow "Benvido Míster Átomo": refugallos nucleares por postos de traballo
"Benvido Míster Átomo": refugallos nucleares por postos de traballo Imprimir E-mail
29 de xaneiro de 2010. Estes días, o ministerio de Industria vai pechar o concurso para que os concellos que o desexen opten ao Almacén Temporal Centralizado (ATC) para os refugallos das nucleares. A imprevisión do lobby nuclear e a complicidade do governo que pasou da moratoria ao "xa veremos" (velaí prórroga de actividade de Garoña) están detrás dunha bochornosa carreira na que os concellos rifan por acoller o ATC co engado dos cartos e os postos de traballo. ADEGA insiste na necesidade de abandonar a enerxía nuclear e poñer data de caducidade ás centrais actuais. As empresas deben ser as responsábeis de xestionar os seus refugallos onde os producen e non socializar os riscos e custos do seu tratamento. E aproveitamos para lembrar ao Sr. Blanco que Galiza foi declarada en 2006 por unanimidade dos tres grupos parlamentares TERRITORIO DESNUCLEARIZADO.
 

En decembro de 2004 o Congreso aprobaba na Comisión de Industria a construción dun Almacén Temporal Centralizado (ATC) para os residuos nucleares de alta actividade e longa vida (os provintes das centrais nucleares). Até o de agora, o combustíbel gastado e outros refugallos radiactivos eran depositados en Almacéns Transitorios Individuais (ATIs) nas propias centrais. No ano 2000 entrou en funcionamento o cemiterio nuclear de Trillo (Guadalaxara) e xa hai un proxecto de ATI para central de Zorita que se pechou en 2006. No entanto, os refugallos de alta actividade de Vandellós I (Tarragona) que enviáronse a reprocesar a Franza tralo accidente de 1989 teñen que volver a España antes de 2011, baixo multa de 57.000 € por cada día de retraso. Isto significa que para entón tería que estar en marcha algún xeito de facerse cargo destes refugallos. Tamén no 2009 e 2010 expiraron ou expirarán os permisos provisionais de explotación de Garoña (Burgos) -recentemente anovado até 2013- e Almaraz (Cáceres) e tamén en 2013 encherase a piscina de combustíbel esgotado de Ascó I (Tarragona).

O governo español aprobou en xullo de 2006 o VI Plan Xeral de Residuos Radiactivos e a constitución dunha comisión interministerial para promover o Almacén Temporal Centralizado. De seguido, comenza unha “florida” campaña na prensa escrita con anuncios solicitando concellos candidatos para a ubicación do ATC a cambio, para millor convencer, de importantes compensacións en dotacións e infraestruturas, postos de traballo ou beneficios económicos. Non debemos descartar que en Galiza poida aparecer algún governo municipal disposto a sumarse ao “negocio” dos investimentos e dotacións prometidas, agora que o ministro José Blanco acaba de insinuar o seu apoio a un hipotético proxecto en Palas de Rei.
Cómpre lembrar ao desmemoriado ministro que en 2006 o Parlamento de Galiza declarou o noso país territorio desnuclearizado por unanimidade dos tres grupos.

Dende ADEGA queremos expoñer os principais argumentos en contra dun modelo de xestión dos refugallos radiactivos das nucleares que traslada á cidadanía a responsabilidade da súa xestión, ficando a industria só cos beneficios xerados.

Os refugallos radiactivos: un problema innecesario de difícil solución
No estado español, os isótopos radiactivos úsanse actualmente en aplicacións médicas, en control de calidade e investigación de materiais, en datacións arqueolóxicas, en investigacións na física de partículas, etc. Pero é a industria da xeneración eléctrica nuclear a que produce a meirande parte dos de maior actividade e longa vida. Segundo datos do sector prodúcense anualmente unhas 1.700 Tm de refugallos radiactivos acadando, segundo os tipos, as seguintes cifras e previsións:

 

 Periodo Residuos de baixa e media actividade (vida media ≤ 30 anos)
 Combustíbel gastado e residuos de alta actividade (vida media > 30 anos)
 Até 31/12/2005  37.200 m3  3.370 toneladas
 Até o final da vida útil das CC.NN 176.000 m3  19.571 toneladas de elementos combustíbeis (6.774 toneladas de U) ocupando un volume de 12.800 m3

 Destes refugallos os de media e baixa actividade almacénanse nas instalacións de ENRESA en El Cabril (Córdoba) e o combustíbel gastado e de demáis refugallos de alta actividade almacénanse nas piscinas de cada unha das centrais nucleares. O ATC será, segundo as intencións do governo, o lugar onde gardar os refugallos durante uns 100 anos, suficiente para que os que fixemos uso da electricidade nuclear, os políticos que tomaron a decisión de construir centrais e os que se lucraron con elas xa non conten, e deste xeito deixar ás vindeiras xeracións a papeleta de xestionar os materiais radiactivos. A vida media destes isótopos oscila entre os 70.000 anos do 90Sr até os 4.470 millóns de anos do 238U. Portanto, alén da insolidariedade coas xeracións futuras, xestionar estes refugallos durante tanto tempo precisa dunhas condicións de estabilidade (xeolóxica, social…) que ninguén pode garantir, convertíndose nunha hipoteca para o futuro do planeta.

A enerxía nuclear: un proceso tamén eticamente suxo
Outros aspectos sobre os que ADEGA convida a reflexionar á hora de plantexar a opción nuclear e as alternativas para xestionar os seus refugallos son:
-O sector nuclear ten importantes vencellos coa industria bélica e as armas atómicas. As centrais nucleares son instalacións necesarias para a obtención do compoñente principal das bombas: o uranio enriquecido ou o plutonio. A recente crise iraniana polas pretensións deste país de comenzar un programa de enriquecimento de uranio é un bo exemplo.
-Os promotores e xestores da enerxia nuclear teñen amosado en moitas ocasións a súa irresponsabilidade e desinterés polas consecuencias do seu negocio. Cómpre lembrar as moitas mobilizacións sociais que fixeron falta para paralizar a vertedura de refugallos radiactivos na foxa atlántica ou os anteriores proxectos de almacenamento xeolóxico profundo, que trataban simplemente de desentenderse para sempre dos residuos radiactivos sen ningunha preocupación polas consecuencias ambientais e de saúde. En ADEGA pensamos que isto mesmo é o que pretenden agora as empresas da xeración nuclear con este ATC. Outro exemplo de irresponsabilidade por parte das empresas á hora de xestionar os seus “incidentes” é a multa de 1,6 millóns de € que o Ministerio de Industria impoñeu á central de Vandellós II (Endesa-Iberdrola). O “suceso”, un fallo grave no circuito de refrixeración esencial, foi calificado no seu día (agosto de 2004) polo Consello de Seguridade Nuclear como o segundo máis grave na historia da enerxía nuclear en España, despois do accidente de Vandellós I en 1989 e que provocou o seu peche. Con todo, a multa parécenos ridícula e pouco disuasoria porque Vandellós II factura diariamente 2,4 millóns de €. Alén diso, o réxime sancionador das infraccións á seguridade nuclear emana dunha lei franquista: a Lei 25 sobre Enerxía Nuclear de 1964.
-Sería bon non esquecer tampouco a total imprevisión das nucleares con relación, precisamente, aos refugallos que xeran. Por exemplo, a central nuclear de Trillo saturou no 2003 a súa capacidade de almacenamento tendo que improvisar sitio suplementario. Case todas as demáis necesitarán tamén de almacén suplementario antes de que remate 2010, por non dicer que ningunha delas pensou responsabilizarse dos refugallos procedentes do seu desmantelamento ao final da súa vida útil: os refugallos de Vandellós I e Garoña foron mandados fóra e terán que retornar a España antes deste ano.

Propostas de ADEGA
Logo de desbotados por razóns obvias (que até hai pouco non o eran tanto) o abandono dos refugallos radiactivos no fondo do mar ou da terra, preséntase agora a cuestión do almacenamento temporal centralizado. No entanto, co ATC as empresas eléctricas seguen tratando de desprenderse da responsabilidade xestionar os seus refugallos pretendendo transferirlla ao conxunto da sociedade, liberándose de paso dos enormes custos que vai representar manter durante anos este depósito centralizado. Esta alternativa resulta, pois, eticamente inaceptábel e socialmente inxusta. Por outra banda, non serve de nada planificar un depósito centralizado de refugallos radiactivos se previamente non decidimos sobre o futuro da enerxía nuclear, pois, entre outras cousas, será imposíbel saber a cantidade de refugallos que necesitaremos xestionar.

A este respeito, ADEGA propón:
-Establecer un calendario para o abandono da enerxía nuclear antes de decidir sobre o almacenamento centralizado dos refugallos.
-Mentras, deben ser as nucleares as que como até de agora, sigan a facerse cargo da xestión dos seus propios refugallos de xeito que:

a) se almacenen onde se produzan, isto é, nas propias centrais, evitando o trafego de materiais radiactivos.
b) se almacenen de xeito accesíbel (para permitir a inspección e o mantemento), vixiado (para detectar inmediatamente calquera eiva) e recuperábel (para poder acceder a eles de inmediato).

-A industria nuclear deberá afrontar os custos derivados da xestión dos refugallos e do eventual desmantelamento das centrais. A cidadanía non ten por que pagar esta fatura, que na actualidade repercute no noso recibo eléctrico, violando o principio de “quen contamina, paga”.

< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA