| Moratoria para os parques eólicos en espazos protexidos |
|
|
|
Dende a ADEGA valoramos con enorme satisfacción este anuncio e só agardamos que se faga coa máxima urxencia. Tal moratoria non só debe abarcar aos novos parques eólicos que inicien a súa tramitación a partir de agora, senón que tamén, aliás dos parques eólicos en zonas da Rede Natura (como o do LIC Ancares-Courel, o do LIC de Estaca de Bares, na Serra de Buio, na Serra de San Mamede ou no Xistral) debería incluir tamén a outros que afectan a espazos de alto valor ecolóxico, como a Serra do Suído, espazo que inexplicábelmente, e a pesar de figurar como protexido nas Normas Subsidiarias de 1991, quedou fóra da proposta galega da Rede Natura debido ás presións dos empresarios da pedra e dos promotores eólicos. Hoxe a Serra do Suído, a única serra da dorsal galega aínda ceibe de parques eólicos, ben merece ser incluida na Rede Natura ou ser declarada Paisaxe Protexida. Se de verdade se quere cumplir coa lexislación ambiental e coa xurisprudencia que ao respeito vai ditando o Tribunal de Xustiza Europeo, esta moratoria é o primeiro paso para facer xustiza coa nosa Rede Natura e dignificala fronte á doutras comunidades que como Asturies, xa dende 1.999, excluiron dos aproveitamentos eólicos os seus espazos protexidos, e nomeadamente aos que fan parte da Rede Natura. Valoramos tamén moi positivamente o anuncio de medidas compensatorias para os propietarios, os veciños e os concellos con espazos protexidos: alén de respostar á máis elemental xustiza social (non é de recibo que un beneficio para todos/as o teñan que pagar só os propietarios e veciños afectados), ditas medidas constitúen tamén unha necesidade para conquerir a imprescendíbel implicación da poboación residente na defensa destes espazos. Agardamos pois, que tanto a Consellería de Meio Ambiente como as demáis consellerías implicadas (a de Industria e a de Política Territorial), ben através da comisión de seguemento, ben através do comité interdepartamental para o desenvolvemento sostíbel recén criado, se adiquen a coordenar e aplicar sen máis tardar estes mesmos criterios. A promoción das enerxías renovábeis de ningún xeito pode facerse a costa de graves e irreversíbeis impactos sobre os nosos espazos naturais e sobre unha Rede Natura que se protexe, preecisamente, para preservar os seus valores ecolóxicos e, dende logo, de ningún xeito xustifica que estes espazos sexan os primeiros en ser degradados por estas e outras infraestruturas. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|

O Conselleiro de Medio Ambiente e o Dir. Xeral de Conservación da Natureza veñen de anunciar que, en breve, presentarán no Consello da Xunta e no Parlamento Galego unha petición de moratoria para a instalación de máis parques eólicos en entornos da Rede Natura e noutros espazos protexidos. Esta decisión non é allea á intensa campaña que ADEGA e outros colectivos ambientalistas veñen desenvolvendo en defensa da Rede Natura galega.
