Lugo, febreiro do 2010. Este pasado 1 de febreiro ADEGA ratificou ante o xulgado de instrución nº1 de Vilalba a súa denuncia contra ERIMSA por presunto delicto ecolóxico ao invadir unha zona protexida da Rede Natura 2000 (LIC Parga-Ladra-Támoga) para a explotación dunha canteira sen a preceptiva Declaración de Impacto Ambiental, sen autorización urbanística nen tampouco licenza municipal. ADEGA cre que tamén deberan dar conta das súas actuacións neste asunto os responsábeis da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da D. X. de Urbanismo e do mesmo concello de Begonte.
No Pedroso, en Begonte, a empresa ERIMSA conta cunha explotación mineira a ceo aberto de extracción de áridos e cuarzo que, no verán do ano pasado, ten sido denunciada por ADEGA por ter invadido unha ampla zona con hábitats prioritarios do espazo protexido da Rede Natura LIC PARGA-LADRA-TÁMOGA sen contar coa preceptiva declaración de impacto ambiental e autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e sen contar tampouco con autorización urbanística da Xunta de Galiza nen con licenza municipal para actividade extractiva. Dada a afección irreversíbel a importantes hábitats prioritarios declarados pola CE, a denuncia ante o SEPRONA foi trasladada á vía xudicial onde este día 1 de febreiro compareceu ADEGA para ratificarse na denuncia, solicitando ademáis a imputación dos responsábeis da Empresa ERIMSA como presuntos autores dun posible delicto ecolóxico contra do patrimonio natural. Coa fin de substanciar todas as probas ao efecto, no mesmo acto de ratificación da denuncia, ADEGA solicitou que se tome declaración aos responsables da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a quen corresponde emitir a autorización ambiental e máis a previa formulación da DIA, e do responsable da Dirección Xeral de Urbanismo como institución encargada de outorgar a preceptiva autorización urbanística. ADEGA solicitou tamén que se cite a declarar ao Concello de Begonte en relación as licenzas municipais que poida ter a empresa ERIMSA e, que de referirse á actividade extractiva, poderían ser tamén constitutivas de delito contra o patrimonio natural por ter sido outorgadas sobre solo rústico de especial protección de espazos naturais sen contar nen con declaración ambiental nen con autorización autonómica previa. A pesar de térmonos ratificado nesta denuncia pola vía penal, ADEGA quere deixar constancia de que se nesta, como noutras ocasións, recorremos a esta vías para tratar de salvar os valores ambientais que a mesma Xunta lle ten recoñecido a esta zona do LIC do Miño-Parga-Ladra-Támoga. E a este respecto non podemos máis que reiterar a nosa indignación pola permisividade da Administración ante estas ilegalidades: á Administración é a quen corresponde facer cumprir coa legalidade vixente con igualdade de trato para todos os cidadáns, e non a un colectivo ecoloxista. E chama, dende logo, a atención que unha actividade tan visible como esta minería a ceo aberto poda levarse adiante sen contar coa obrigada Declaración de Impacto Ambiental e demais autorizacións autonómicas e municipais apesar das denuncias presentadas ante o Concello de Begonte e ante a Xunta de Galiza. |