Menu Content/Inhalt
INICIO arrow Novas arrow Novas de ADEGA-Lugo arrow Xulgado de Lugo confirma actuación dos veciños e o concello de Friol en defensa dun camiño publico.
Xulgado de Lugo confirma actuación dos veciños e o concello de Friol en defensa dun camiño publico. Imprimir E-mail

seren.jpgLugo 8 de febreiro do 2010. O concello, a instancias dos vecinos afectados, ordenara repoñer o camiño público usurupado polos responsables da empresa Fontnatura. 

Mediante sentenza do Xulgado do contencioso administrativo de Lugo ditada o pasado 20 de novembro desestímase o recurso promovido por FONTNATURA S.L. contra un acordo municipal que ordenara repoñer ao seu estado orixinal un tramo de camiño público incorporado ilegalmente polos responsables da empresa aos terreos en que pretenden construír unha planta embotelladora de auga mineral, na localidade friolense de Serén.

A apropiación do camiño, realizada a finais da década dos anos 90, permitiu á empresa obter, irregularmente, varias autorizacións necesarias para o aproveitamento das augas captadas na citada localidade.

 O proxecto industrial que pretende desenvolver a empresa embotelladora leva sendo obxecto dunha forte oposición durante os últimos anos, tanto por un elevado número de gandeiros e agricultores das parroquias de Serén, Guldríz, Vilafiz, Vilalvite, Guimarei e Devesa, afectados polas restricións que leva aparelladas o aproveitamento das augas, como pola asociación ecoloxista ADEGA, por canto o devandito aproveitamento carece dos máis elementais controis ambientais que aseguren a súa compatibilidade coas actividades agrarias da zona e a capacidade de recuperación do manancial ante o aproveitamento intensivo que pretende a empresa, de 85.000 litros/ano.

 Na sentenza recoñécese expresamente a correcta actuación dos veciños afectados ao requirir a recuperación do camiño, así como o seu interese lexítimo de defender o seu medio de subsistencia, o cal podería verse comprometido polo funcionamento da planta embotelladora.

A sentenza vén tamén a cuestionar as formas de proceder dos responsables da empresa, que declararan reiteradamente a “legalidade” das súas actuacións.

Para máis información: 678810217 (Xosé Manuel, ADEGA).

< Anterior   Seguinte >
designed by www.madeyourweb.com
ADEGA