| Plano do Litoral: as medidas cautelares, agora máis necesarias que nunca |
|
|
Este 15 de febreiro, varias organizacións ecoloxistas reunímonos co conselleiro de M.A.T.I. para recibir información sobre o POL. ADEGA expresou a preocupación por algúns aspectos normativos do documento, como o feito de que os Planos Sectoriais en vigor (acuícola, eólico, portos deportivos, solo empresarial, estradas...) non estean sometidos ao POL. Tamén interesámonos polas medidas de caución durante a fase de tramitación, logo de que este 17 de maio remate a moratoria da Lei de Medidas Urxentes. Coidamos que é durante a tramitación do POL (uns 7 meses), cando ten máis sentido manter a moratoria urbanística para evitar discrecionalidades e agravios comparativos por parte da administración e desactivar unha carreira desbocada por parte das construtoras para apropiarse do terreo parcialmente "liberado", antes de que o POL entre en vigor.ADEGA valora positivamente o esforzo de catalogación e integración da complexa información ambiental e territorial que recolle este Plano, mais bota de menos, na parte normativa, unha maior claridade e definición das categorías de protección e un maior compromiso coa ordenación sustentábel das actividades permitidas e autorizábeis no territorio ordenado polo POL. Acontece, por exemplo, que alén dos usos permitidos e autorizábeis para cada categoría de solo (arts. 34, 35 e 36), que someten á interpretación da Xunta o carácter compatíbel ou non dalgúns -autorizábeis- (pistas e aparcadoiros, depuradoras, SPAs, estaleiros...) e doutras construcións e instalacións "vencelladas a un servizo público" (coa compoñente de discrecionalidade que isto conleva), hai ademáis determinadas instalacións que ficarían fóra do ordeamento do POL:
Isto é: piscifatorías, parques eólicos, portos deportivos, polígonos industriais, estradas, etc. incluidas nun Plano Sectorial xa aprobado quedarían fóra do POL, por moito que a súa tramitación ambiental fora, nalgúns casos, discutíbel. Habería pois un POL para os concellos e a cidadanía, de obrigado cumprimento, e outro para Pescanova, Endesa, Residencial Marina Atlántica, etc., que eximiría ás súas instalacións deste ordenamento. O agravio comparativo é pois evidente, máxime cando algúns destes Planos Sectoriais, como por exemplo o eólico é anterior á lei 9/2006 de Avaliación Ambiental Estratéxica (que sí teñen que pasar os PXOMs dos concellos) ou contaron cunha deficiente tramitación ambiental; ou como o acuícola, con escandalosas eivas no seu ISA (Informe de Sustentabilidade Ambiental), e que causarán evidentes e irreversíbeis impactos no litoral. Outro ponto de discrepancia é que vai acontecer despois do 17 de maio, data na que caduca a moratoria dos 500 m consagrada na Lei de Medidas Urxentes, aprobada polo bipartito e renovada por Feijóo. Co POL en tramitación como mínimo até decembro de 2010 e, portanto, suxeito a modificación, e cos documentos complementares (Catálogo das Paisaxes Litorais, entre outros) e as DOT (Directrices de Ordenamento do Territorio) aínda en redacción, levantar parcialmente a cautela urbanística a discreción da Xunta pode provocar unha carreira desaforada por "pillar cacho" denantes de que o POL sexa aprobado definitivamente e impida aproveitamentos "liberados" durante o periodo transitorio. A este respeito, preocúpanos a redacción do artigo 3, que deixaría amplas "zonas francas" libres de cumprir a regulamentación propia das 3 categorías do POL (protección ambiental, millora paisaxística e ordenamento):
Moitos dos solos incluidos baixo estas denominacións urbanísticas nos actuais PXOMs non cumprirían sequera as condicións que fixa a Lei do Solo de 2002, norma da que os concellos "pasaron olimpicamente" (só 3 dos 84 concellos costeiros teñen os seus PXOMs adaptados). Deste xeito e durante os dous anos de prazo para a adaptación dos concellos ao POL, chans urbanos e sobre todo núcleos rurais e zonas de ampliación destes, planificadas con pouco ou ningún criterio ambiental -moitas veces ao ditado das construtoras-, tamén quedarían fóra. Por iso ADEGA coida máis que xustificado que durante o trámite de aprobación do POL, mantéñanse as medidas cautelares, ben prorrogando a vixencia da moratoria (o ideal) ben através da normativa do propio POL (e como mínimo nas zonas de "protección" e "millora ambiental"). Sería unha medida profiláctica contra a especulación e que transmitiría unha mensaxe clara aos concellos: hai sobre a mesa en tramitación un plano que traballa con criterios obxetivables, aberto a propostas e suxeito a modificacións: implíquense na súa millora. O que non poden permitirse son as excepcións, sexan temporais ou discrecionais, durante os 7 meses de tramitación, o que significaría baleirar de contido grande parte da norma e ceder ás presións dos intereses urbanísticos de concellos e construtoras. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|

Este 15 de febreiro, varias organizacións ecoloxistas reunímonos co conselleiro de M.A.T.I. para recibir información sobre o 
