5 de setembro de 2007. A protección efectiva da Rede Natura está moi lonxe de ser unha realidade. Aos numerosos proxectos agresivos de iniciativa privada (piscifatorías -LICs litorais-, parques eólicos -Brañas de Xestoso-, canteiras -Courel e Xistral)... en espazos protexidos, hai que engadir algunhas actuacións promovidas por organismos públicos que comprometen gravemente a viabilidade ambiental destes espazos. Casos como as desafortunadas intervencións de Costas en Valdoviño, Baldaio ou O Pindo, ou agora esta "autoestrada" no Monte Louro, amosan un preocupante descoñecemento do conceito xestión ambiental e unha burla á legalidade (Dir. Hábitats e Lei 9/2001).
As obras consisten na ampliación e "acondicionamento" dunha pista que circunda o Monte Louro, en pleno LIC (Lugar de Interese Comunitario) Monte e Lagoa de Louro. Ao parecer, e segundo informacións dos veciños da zona, as obras están financiadas polo Ministerio de Medio Ambiente e xestionadas pola Consellería de Medio Ambiente. As obras desta pista, con un importante movemento de terras, escavación e remoción do sustrato rochoso están a causar graves impactos paisaxísticos e xeomorfolóxicos. Dase a circunstancia de que a zona do Monte Louro é coñecida mundialmente polas súas caprichosas formas erosivas no granito (ver "A Natureza Ameazada: Xea, fauna e flora de Galiza en perigo", publicación do Consello da Cultura Galega), particularmente as denominadas "cacholas". Dase tamén o paradoxo de que os terreos polos que discorre esta megapista amosan cartaces do Ministerio de Medio Ambiente co lema "Zona quemada en regeneración. No pasar" instando a non alterar o sustrato, xa que logo dos lumes se están a desenvolver tarefas de rexeneración ambiental. Curiosamente, a apertura desta pista e o seu impacto no medio xa foi denunciado por ecoloxistas de Muros en 1991. Daquela o compañeiro David Candamo, na "Revista da Sociedade Cultural Monte Louro" escribía: "En Monte Louro, comézanse as obras dunha pequena pista que rodearía o macizo. Empézase a talar árbores por onde se supoñía ía ir a miniestrada, pero ¡atención!, un pequeno fallo, faise un pequeno desvío nos plans e sepáranse un pouco máis arriba traendo como consecuencia talar de novo outra zona quedando as árbores tiradas coma noutros casos. Volvamos ó camiño de motorizados, entran as escavadoras (dous "bulldozer" coma demonios), e póñense a tirar outeiros "a rolos" polo monte abaixo. Un deles pasa a dous metros da fonte do faro (fonte das Pombas). Seguen avanzando os "cabalos de ferro" e o que se supoñía, coma xa dixen antes, ía ser unha pequena estrada, aseméllase máis á "Autopista do Atlántico". En lugares tiña máis de seis metros de ancho. Ou os das máquinas estaban bébedos, ou é que van facer unha autopista dende a América ata o "Outeiro do Corvo". Chega un grupo ecoloxista, plántalles unha denuncia, con razón (aínda que a xente ande dicindo agora, ibuf! ibafl ¡os ecoloxistas!), collen, paran as obras, escaquéanse, e así quedou." Desta denuncia de hai 16 anos a hoxe semella que nada mudou. Os feitos consumados serven agora de excusa ás administracións para acometer unha "millora ambiental" cuxo único obxectivo é abrir o paso ao tráfico até o corazón dun espazo protexido, alterando definitivamente a paisaxe. Descoñecemos as xustificacións que a administración aduce para levar a cabo esta obra: nun espazo da Rede Natura só son admisíbeis actuacións que incidan positivamente na conservación dos seus valores naturais, de acordo co recollido nos PORNs (Planos de Ordeamento dos Recursos Naturais) e PCs (Planos de Conservación). Cómo pode xustificarse pois tal desfeita? Dende ADEGA esiximos a paralización inmediata destas obras e unha explicación por parte das administracións responsábeis. |