Pontevedra, 19 de xuño de 2008. ADEGA recibiu comunicación da consellería de Medio Rural na que se indica o inicio do procedemento sancionador ao concello de A Lama polas obras da carballeira dos Prados, debido a que non tiñan autorización desta administración e porque este concello tentou rematar a actuación en varias ocasións cunha orde de paralización tanto desta consellería como do SEPRONA.
ADEGA condena que o Concello de A Lama iniciara estas obras sen autorización da Consellería de Medio Rural, preceptiva por ubicárense en terreo forestal e pola tala de carballos, e que, despois de que esta administración paralizase as mesmas por este motivo, ao igual que o SEPRONA, despois de recibir varias denuncias, o Concello tentou en repetidas ocasións continuar as obras, incumprindo así as paralizacións emitidas: ambos feitos conlevan incoación dun expediente sancionador a este concello. ADEGA pide ao Concello de A Lama que aclare se o destino das obras é a construción dun centro social con fosa séptica asociada, tal e como figura na autorización solicitada a Augas de Galicia, ou se vai ser un estabelcemento hostaleiro privado, tal e como se filtrou extraoficialmente. Asimesmo, invitamos a AGADER a que aclare este uso, pois estas obras son financiadas polo programa LEADER, que esta entidade xestiona, e porque non respostou á nosa solicitude de información, vulnerando a Lei 27/2006 sobre o Dereito de Acceso á Información Ambiental, feito que foi comunicado ao Valedor do Pobo Tamén pedimos ao Concello de A Lama que aclare se as obras foron realizadas baixo licenza de obra municipal, feito que está en dúbida, e que tampouco respostou nunha solictude de información emitida por ADEGA, polo que tamén vulnera a Lei 27/2006, o que tamén foi comunicado ao Valedor do Pobo. Asimesmo denunciamos que Augas de Galicia tamén vulnerou esta Lei, porque non respostou á denuncia ambiental emitida por ADEGA, feito comunicado ao Valedor do Pobo, e que autorizou estas obras, incumprindo o seu deber e a súa función, porque vulnerou os artigos 6.1 e 9.3 do Real Decreto 849/1986 (Dominio Público Hidraúlico) e 92 do Real Decreto Lexislativo 1/2001 (texto refundido da Lei de Augas), que baseánse na protección e conservación por riba de cualquer alteración das ribeiras fluviais. Asimesmo, debido a estes feitos, dubidamos que outras autorizacións solicitadas polo Concello de A Lama a Augas de Galicia para outras actuacións incoherentes para este espazo tamén foron concedidas, polo que ambas administracións poderían ser responsábeis dun proceso de humanización progresivo dun ecosistema que destaca polo seu alto valor ecolóxico, paisaíxistico, ambiental, e social. Sería moi grave se Augas de Galicia autorizou estas actuacións pois queremos resaltar que é o organismo medioambiental da Xunta de Galicia encargado de preservar os ríos e as súas ribeiras. ADEGA valora moi positivamente a apertura de expediente por parte da Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Medio Rural e insiste en esixir que se rexenere o espazo ao estado anterior das obras expedientadas. |