| A "rexeneración" da praia de Corcubión vai danar ao marisqueo pola remobilización de contaminantes |
|
|
Compostela, 23 de xuño de 2008. A demarcación galega da Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente impulsa un proxecto que pode ocasionar danos graves ao medio ambiente, á actividade económica e mesmo á saúde pública. Trátase do mal chamado "Proxecto de Rexeneración da Praia de Corcubión" actualmente en trámite de exposición pública. Dase a circunstancia de que a Xunta advertíu a Costas da presenza de benzopireno, "de orixe descoñecida", un contaminante orgánico persistente e nocivo para os seres vivos, que coa realización do proxecto podería provocar aumentos significativos da toxidade da zona. Realmente é tan "descoñecida" a orixe deses tóxicos?O Estudo de Impacto Ambiental é claramente tendencioso e está destinado á infravalorar os danos aos recursos marisqueiros e naturais. En concreto, e por citar un exemplo aponta só 9 especies de aves, 6 delas gaivotas. Tamén menciona ao Corvo Mariño Cristado (Phalacrocorax aristotelis) pero non di de que se trata dunha ave protexida polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría vulnerábel. O dito EIA está realizado pola delegación de Andalucía da empresa Tecnoambiente S.A., que como todo o mundo sabe ten un coñecemento de primeira man da realidade produtiva do marisqueo en Galiza. Outra “perla” do estudo é a afirmación que se perderán 120 m2 de comunidades nectobentónicas na realización dun dique cando na realidade a perda afectará 12.680 m2 de superficie intermareal, que pasará a ser supralitoral. A este feito únese tamén que a zona está proposta para formar parte da Rede Natura 2000 dentro do LIC Carnota-Monte Pindo o que significa que se trata de hábitats que teñen interese de conservación. E por se isto non fora suficiente a Consellería de Pesca advirte nun informe enviado a Costas que a presenza de "benzopireno de orixe descoñecida", un contaminante orgánico persistente e nocivo para os seres vivos. Estes tóxucos poderán remobilizarse e ocasionar aumentos significativos da contaminación da zona coas obras do proxecto. Tal aspecto non é abordado polo estudo de impacto ambiental, cando resulta fundamental para avaliar a viabilidade ambiental do proxecto. Por estes e outros motivos recollidos nas súas alegacións ADEGA solicita unha Declaración de Impacto Ambiental negativa e a retirada do proxecto. Asimesmo tamén lle recomendamos á Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente que empregue os orzamentos do proxecto para pescudar a orixe da contaminación por benzopireno e en depurar a augas residuais de Corcubión, que son proxectos moito máis beneficiosos para a sociedade e para o ambiente. Alegacións completas: Alegacións CORCUBIÓN |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|



Alegacións CORCUBIÓN
