 Este domingo 27 de setembro realizouse en 22 concellos a II LIMPEZA SIMULTÁNEA DE RÍOS. Co lema “Tes unhas botas na casa?”, ADEGA e o Proxecto Ríos organizamos unha campaña de recollida de lixo en ríos do país. Colaboraron concellos, asociacións de pescadores, culturais, ecoloxistas... Algúns xa participaron na actividade o ano pasado ou están activos no Proxecto Ríos, e moitas persoas sumáronse por primeira vez. Dende o Proxecto Ríos e ADEGA queremos agradecer a tod@s os participantes e coordenador@s. Agradecer tamén aos concellos o compromiso na conservación dos seus ríos proporcionando o material necesario para realizar a limpeza e a recollida do lixo retirado dos ríos e/ou apoiando economicamente a actuación. Descarrega eiquí o Dossier LIMPEZA 2009 (2.34 MB) |
|
 Despois do éxito da primeira xornada de limpeza en ríos en 2008, repetimos a experiencia este domingo 27 de setembro. A limpeza desenvolverase en colaboración con concellos e distintas entidades e asociacións. Un dos problemas máis agravantes que sofren os nosos ríos segue a ser a cantidade de lixo que aparece nos cauces e ribeiras. Plásticos e entullos son elementos case habituais nos cursos fluviais. Dende o Proxecto Ríos queremos concienciar á sociedade da necesidade de manter limpos os nosos ríos como premisa para a conservación da súa saúde. A limpeza non pasa só por ser unha actividade dun día. Para a conservación dos ecosistemas fluviais cómpre desenvolver actitudes responsábeis cara o medio natural e depende de todos/as frear a contaminación que están a sufrir. Así que xa sabes: para este domingo 27, tes unhas botas na casa? |
|
 A plataforma QUEREMOS GALEGO anunciou a data da gran manifestación en favor da língua: será o vindeiro 18 de outubro en Santiago de Compostela e partirá ás 12 da mañá da Alameda. A plataforma cívica QUEREMOS GALEGO, da que fai parte ADEGA e unha manchea de entidades e persoas, nasceu o pasado xullo a partir dun proceso de debate e reflexión para artellar a resposta social fronte ás medidas que o goberno da Xunta está a impulsar contra a nosa cultura. A plataforma activará nos próximos días o proceso para levar á rúa a Iniciativa Lexistativa Popular para garantir os nosos dereitos lingüísticos, que xa ten texto definitivo. |
|
 ADEGA organiza este xoves, 24 de setembro en colaboración coa cooperativa de cultivo ecolóxico Raiña Lupa, unha xornada de voluntariado ambiental. Nesta xornada realizaremos traballos de limpeza do monte e o seu aproveitamento como adubo, mediante o seu esparcido nos terreos a traballar. Tamén realizaremos un composteiro de algas, a chamada "argheira" ou cañeira. Coa nosa axuda solidaria, colaboraremos a poñer en valor unhas terras que pretende usurpar a ampliación da piscifatoría de Stolt (275.000 m 2) prevista no Plano Acuícola. Alén, coñeceremos de primeira man as diversas alternativas de aproveitamento sustentábel postas en marcha pola brava veciñanza de Quilmas fronte á ameaza acuícola, razón pola que ADEGA concedeulle en 2008 o Premio Osíxeno. |
|
18 de setembro de 2009. Os colectivos ecoloxistas da FEG (da que fai parte ADEGA e outras 16 organizacións) xunto con Amigos da Terra vimos de apresentar conxuntamente as nosas Alegacións PXRSUG 2010-20 (61 KB) ao documento de inicio do novo Plano de Xestión dos Residuos Sólidos Urbanos de Galiza (PXRSUG) para o periodo 2010-2020. Malia a tratarse dun documento moi xeral, que deberá concretarse nun posterior documento de referenza, aparecen xa preocupantes indicios de que a actual Xunta pode voltar a cometer os erros da era Fraga: obxectivos moi cativos para a valorización material da materia orgánica (compostaxe) e porta aberta para máis incineración. |
|
Compostela 14 de setembro de 2009. A protección do medio é un valor recoñecido dende 1972 pola Declaración da ONU sobre o Medio Ambiente Humano. Neste documento recóllese “o deber solemne de protexer e mellorar o ambiente para as xeneracións presentes e futuras”. A Rede Natura reúne en Europa espazos que polas súas características naturais, precisan de especiais medidas de conservación. A agresión a estes espazos supón un atentado contra a cidadanía e os dereitos das xeracións futuras. Por outra banda, a Lei estatal 27/2006 recolle o dereito fundamental á información e participación pública para plans, proxectos e programas relacionados co ambiente. O público ten dereito a “expresar observacións e opinións [...] antes de que se adopten decisións sobre plans e programas”. A falta de participación pública é, portanto, unha violación da lei e atenta contra os dereitos de todos os cidadáns. Ti podes esixirlles a políticos e empresarios sen escrúpulos que cumpran a lei: participa con ADEGA na defensa de Touriñán e boicota os produtos de Pescanova ! |
|
Ourense, no 12 de setembro. O territorio distrital de Ourense é pasto das lapas. Miles de hectáreas de bosque e monte baixo están a arder diante da desesperación dos veciños e habitantes do medio rural. A Xunta está a ocultar información sobre o número de focos e as hectáreas queimadas. Se a primeiros da tempada estival ADEGA, en comunicación cos habitantes e afectados das zonas rurais detectaba importantes lumes dos que non se ofrecía información (no Teixadal de Casaio, en Vilardevós, que calcinou un cuarto do territorio do concello), na altura do final do verao continúa a política de censura informativa e ocultación dos datos que contrasta coa información dos propios concellos damnificados. |
|
Compostela, 11 de setembro de 2009. A Xunta anunciou este pasado xoves, sen mediar diálogo algún, o “intercambio de cromos” de 4 piscifatorías (Merexo, Seiruga, Xandriña-Camelle e Laxe Brava-Corrubedo en compensación pola construción da piscifatoría de Touriñán, en plena Rede Natura e invadindo hábitats de conservación prioritaria protexidos pola U.E. ADEGA alédase de que o Consello recoñeza a tremenda afección ambiental dos proxectos acuícolas e o atentado contra os lexítimos intereses dos veciños afectados que supoñen as instalacións eliminadas. Por iso, queremos preguntar ao Sr. Feijóo: que diferenza existe na afección a veciños e ao medio entre Merexo, Seiruga, Corrubedo e Camelle con outras piscifatorías similares en Arou, Xove, Quilmas ou Mougás-Oia? Que criterios ambientais empréganse para propor Touriñán como ubicación compatíbel cunha macroplanta de acuicultura industrial? |
|
 Este 1 de setembro comezou a conta atrás para dous obxectos de uso cotiá que teñen unha importante repercusión negativa no medio: as lámpadas incandescentes e as bolsas de plástico. A desaparición das lámpadas incandescentes farase paulatinamente até 2012 e obedece a un mandado da UE no ámbito da Directiva Ecodesign. Este tipo de lámpada é un exemplo de ineficiencia enerxética, unha tecnoloxía do pasado que conta con alternativas máis ecolóxicas, como as lámpadas fluorescentes compactas ou os led. As incandescentes adican o 95% da enerxía que consumen en producir calor e soamente o 5% do que gastan serve para dar luz. |
|
2 de setembro de 2009. Os proxectos hidroeléctricos de Iberdrola e Fenosa para o Sil e o Miño, baseados en centrais de ciclo reversíbel ou de bombeo, forman parte dunha estratexia para sacar o máximo beneficio das súas térmicas e nucleares, disfrazada de compromiso ambiental e cuase-filantrópico. Coa excusa de “garantir o subministro” ou “almacenar excesos da eólica”, estas empresas pretenden furar a Ribeira Sacra con centrais soterradas e construir nos montes enormes lagoas artificiais para dar saída ao seu produto. Bombean a auga pola noite cando o prezo e a demanda da enerxía é menor, para turbinala polo día e colocala no mercado cando a demanda e os prezos suben. Especulan coa electricidade a costa das subvencións públicas e do noso patrimonio natural. Deste xeito, o Sil e o Miño servirán como lavandería dos megawatios-lixo de Iberdrola e Fenosa: aqueles que non poden colocar cando baixa a demanda e non poden deixar de producir pola inviabilidade de “desenchufar” térmicas e nucleares. |
|
|
|
<< Inicio < Anterior 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 Seguinte > Final >>
|
| Resultados 55 - 72 de 757 |