 Nesta fin de semana desenvolveranse diversos actos en defensa de A Fervenza e do río Figueiras organizados pola Plataforma Furapresas, da que fai parte ADEGA: queremos contar coa túa participación para defender o patrimonio cultural, turístico e ambiental de Mondoñedo contra a desfeita das minicentrais. O sábado 13 de xuño temos previsto unha proxección de fotos na Praza do Concello ás 23:00h e o domingo 14 imos ter varios actos reivindicativos na defensa dos ríos Tronceda e Figueiras que consistirán nunha marcha dende Os Muiños, facendo varias escalas, até A Fervenza (Piscina do Coto) para rematar cun xantar popular. |
|
 10 de xuño de 2009. Bandeira Azul tense convertido en sinónimo de praias en bo estado, mais non significa que o litoral estea ben conservado. Os criterios polos que a FEE-ADEAC (unha fundación privada con asociacións vencelladas á industria turística) concede a Bandeira Azul, atenden principalmente á calidade da auga e aos servizos da praia. Segundo a propia FEE "Identificar y/o premiar aquellas playas más verdes y mejor conservadas ecologicamente, no es función de la Bandera Azul" (Baixa os CRITERIOS). Porén, dende 1999 a UE deixou de financiar á FEE, xa que segundo o Parlamento Europeo a concesión de bandeiras azuis “convertiuse nunha actividade enganosa, ao utilizar un símbolo de suposta calidade sen a garantía dos organismos oficiais da UE”. |
|
Ourense, 8 de xuño de 2009. A finais de maio, a UNESCO declaraba ao Xurés-Gerês Reserva da Biosfera, a primeira transfronteiriza. Recentemente, e con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), a dirección do Parque Natural organizaba un "roteiro interpretativo" que, segundo algúns participantes, asemellouse máis a unha "gimkana". Tanto na súa preparación coma no seu desenvolvemento, o "roteiro" foi exemplo de como NON se debe xestionar un espazo protexido: masificación, intromisión na zona de reserva integral en plena época de reproducción do lobo, e acondicionamento de pistas con "desbroce" de especies en perigo de extinción, como o lirio do Xurés ( Iris boisien). ADEGA pide responsabilidades á dirección do Parque Natural e agarda que feitos coma estes non sexan a consecuencia de adscribir Conservación da Natureza a Medio Rural.
|
|
 O 8 de xuño é o Día Mundial dos Océanos. Este ano, a ONU chama a atención sobre as conexións entre océano, clima e futuro do planeta. Até o de agora, os mares funcionaron como amortecedores dos impactos, moderadores do clima e despensa da humanidade. Mais co quecemento global, este papel está a mudar, facendo preciso medidas urxentes. E coma noutras ocasións, as administracións pensan en medidas curtopracistas ou pior, persisten nos erros. Galiza, cun dos mares máis fecundos do planeta, segue á cola en protección dos esosistemas mariños. En calquera outro lugar, as nosas rías serían Reservas da Biosfera dende hai anos e as macropiscifatorías, recheos, portos deportivos e outras infraestruturas como o viaduto de Noia, proxectos delirantes que calquera partido rexeitaría. |
|
5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Na loita contra a crise ambiental ninguén pode ficar á marxe. Debemos artellar propostas comezando dende o eido local para conquerir reducir os efeitos perniciosos do cambio climático, diminuir a nosa pegada ecolóxica, frear a deterioración dos recursos naturais e a perda da biodiversidade. Todos e todas debemos reaxir e asumir estes obxectivos, comezando por esixir ás administracións unha mudanza substancial das políticas públicas para incoporar criterios e indicadores de sustentabilidade, con compromisos reais cuantificábeis e temporalizados. Neste Día do Medio Ambiente, a cidadanía e as organizacións asinantes comprometémonos a poñer en marcha e seguir desenvolvendo iniciativas contra a actual crise ambiental. As medidas e políticas para facer fronte ao desafío do cambio climático están moi claras. Nós estamos a cumprir, agora tócalles as administracións estar á altura deste desafío para que, outra volta, non sexa a natureza a que acabe pagando a crise. Baixa o MANIFESTO DMMA 09 (45 KB) |
|
3 de xuño de 2009. O número 58 da revista de ADEGA "CERNA" ten como tema central o futuro de ENCE. Debruzamos algunhas propostas en clave ambiental que ADEGA le fai ao novo governo como a protección do litoral. Seguindo este fío, CERNA 58, inclúe un artigo sobre as repercusións do Informe Auken, aprobado polo Parlamento Europeo e que reprime por primeira vez á política urbanística depredadora do Estado español e ameaza con retirarlle os Fondos de Cohesión. Non perdemos de vista a s nosas reivindicacións da ampliación da Rede Natura ou dunha nova política de residuos para corrixir o fracaso de SOGAMA. Preme para baixar a CERNA nº 58 (3,7 MB) |
|
  Dentro da Semana Galega do Medio Ambiente, este martes 2 de xuño ADEGA levou a cabo novas actividades de voluntariado ambiental do PROXECTO CORNA. Avaliamos o efecto das actuacións feitas para a conservación desta área dunar e continuamos coas medidas de protección da píllara papuda. Grazas a elas en 2008 aniñaron 3 parellas, 2 con pitos. Traballamos tamén no control das especies exóticas invasoras que ameazan a biodiversidade deste contorno, en especial o Carpobrotus-herba do coitelo e a Coniza, entre outras. Baixa o CARTAZ e mira as FOTOS
|
|
 Os días 30 e 31 de maio, ADEGA e RedMontañas convocan a 4ª edición de “MONTAÑAS EN REDE”, dirixida ás persoas preocupadas polo futuro das montañas. O 2008 houbo 151 ascensións en toda a península para reivindicar a protección das montañas. Como resultado, a iniciativa de RedMontañas o ministerio de MARM promoveu a realización do PROGRAMA PARA A CONSERVACIÓN DAS ÁREAS DE MONTAÑA, presentado en 2008 e que agarda agora a aprobación definitiva da administración. Nós cumprimos, agora tócalle aos políticos. Por iso o lema deste ano é PROTEXER AS MONTAÑAS? ESTAMOS NISO!. PARTICIPAR É MOI SINXELO: aproveita unha excursión á montaña para facer unha foto no cumio coa túa pancarta. Podes baixala e imprimila Faixa A4 (1 MB) De volta a casa, entra en RedMontañas para colgala, ou mándaa a adega@adega.info |
|
 Con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, ADEGA organiza unha serie de actos reivindicativos e participativos na Semana Galega do Medio Ambiente, previa ao 5 de xuño. O lema que a ONU propón este ano é "Unid@s contra o cambio climático: o teu planeta necesítate". Conscientes que a loita contra os efectos do quecemento global pasa por unha mudanza de actitudes persoais e colectivas, ADEGA quere propoñervos unhas ACTIVIDADES (171Kb) que directa e indirectamente contribúen a diminuir a nosa pegada nos ecosistemas naturais. Queremos tamén mover á reflexión sobre as compoñentes ambientais da actual crise e a escasa implicación das institucións na mudanza dun sistema económico fondamente inxusto e insolidario. QUE O AMBIENTE NON PAGUE A CRISE ! |
|
|