![]() |
| ADEGA lanza a campaña "PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO" por un ordenamento sustentábel |
|
|
|
Compostela, 16 de abril de 2011. ADEGA ven de apresentar no Auditorio de Galiza a campaña “PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO”. Pretende poñer freo aos proxectos especuladores co territorio galego e procurar unha alternativa sustentable de ordenación territorial a través dun movemento social de denuncia común. O MANIFESTO (243 Kb) que propón un decálogo de medidas concretas para a ordenación do territorio, foi asinado inicialmente por máis de 130 personalidades destacadas do mundo das artes, das letras e das ciencias de Galiza. tendemos, por unha banda, reunir nun movemento social común a todos aqueles colectivos e entidades que están a denunciar illadamente a destrución e ameazas que está a sufrir o territorio galego en todos os seus ámbitos (espazos naturais, medio rural, litoral e rías, paisaxe, bacías fluviais, desenvolvemento urbanístico, infraestruturas viarias e patrimonio histórico-cultural); e, por outro, instar ás administracións públicas a tomar medidas concretas cara a unha ordenación do territorio sustentable.
ADEGA anima á sociedade galega a reaccionar ante os innumerables casos de deterioro e degradación ambientais que se están a producir actualmente coa conivencia das administracións públicas de todos os ámbitos, nomeadamente pola actual Xunta de Galicia, co único propósito de favorecer intereses privados. As reformas lexislativas e os decretos con incidencia territorial impulsados polo goberno galego na última lexislatura (a modificación da Lei do Solo, a nova Lei Eólica, o Plano do Litoral, as Directrices de Ordenación do Territorio, a recuperación de Touriñán para o Plano Acuícola, o Plano Move, o chamado “Convenio de Barreiros” ou o Plano de Residuos) están acelerando o proceso de destrución irreversible de espazos imprescindibles para a nosa identidade e benestar. O uso incorrecto de recursos básicos para a nosa subsistencia, o dispendio e extorsión do medio natural como recurso indispensable para o porvir das xeracións vindeiras e a degradación do único instrumento que temos para superar con éxito a grave crise ambiental e económica que vivimos —o territorio—, fan precisa a reflexión e cambio de rumbo da actual política territorial.
Son en total dez demandas de acción recollidas no manifesto en defensa do territorio e ao que deron lectura 22 persoas recoñecidas no mundo das artes, das letras e das ciencias de Galicia: Xurxo Souto, Adela Figueroa, Margarita Ledo, Xosé Alfredo Pereira, Fernando de Abel Vilela, Manuel Gallego Jorreto, Xavier Amigo, Alba Nogueira, Adolfo Cordero, Rosario Álvarez, Goretti Sanmartín, Vadim Yurkevich, Emilio Carral, Beatriz Moyano, Calros Silvar, Jorge Coira, Celso Dourado, Teresa Moure, Isabel Risco, Xosé Manuel Penas Patiño, Chelo Pampillón e Luis Iglesia. O documento reivindicativo, asinado inicialmente por máis de 120 personalidades significadas da vida pública galega e colectivos, será difundido por ADEGA ao maior número de grupos, colectividades, asociacións e organizacións sociais para que se adhiran a el e conseguir así a atención dos responsables públicos, dende os concellos á Xunta e ao goberno estatal.
|
Primavera ambiental na UDC |
Construción dunha charca e eliminación de invasoras na UDC |
VIII Campo de voluntariado ambiental do río Tea |
Festival da diversidade natural e cultural na Eira da Xoana |